Estados Unidos

Trump gaña en New Hampshire a unha Haley que non se rende: así avanzan as primarias republicanas

"Esta carreira está lonxe de rematar, quedan decenas de estados por percorrer", afirma Nikki Haley, alentando as súas seguidoras.
Donald Trump, nun mítin electoral. (Foto: Liu Jie / Xinhua News / Contactophoto)
photo_camera Donald Trump, nun mítin electoral. (Foto: Liu Jie / Xinhua News / Contactophoto)

Tras imporse cun axustado 51% dos votos nos caucus de Iowa —e de retirarse da carreira presidencial o que parecía o seu principal contrincante, Ron DeSantis—, o ex presidente estadounidense Donald Trump venceu esta terza feira nas primarias de New Hampshire obtendo 54,7% dos sufraxios e 12 delegados e delegadas co 92% escrutado. A súa rival, a ex embaixadora dos EUA ante a ONU Nikki Haley, logrou un 43,5% que se traduciu en 9 representantes. Falta un delegado por asignar neste estado.

Malia a escasa diferenza de votos —167.284 de Trump fronte a 133.206 de Haley—, o magnate cargou duramente contra a tamén ex gobernadora de Carolina do Sur, de onde é orixinaria, e cualificou o resultado de "fracaso estrepitoso" para ela logo de afirmar que se vía con posibilidades de vencer. "Tivo unha moi mala noite, pero non tan mala como a semana pasada, en Iowa, onde obtivo un distante terceiro posto", dixo.

Donald Trump olla xa cara ás vindeiras citas marcadas en vermello no calendario preelectoral: Nevada e, precisamente, Carolina do Sur. Na primeira das citas o ex presidente ten garantida a totalidade das e dos delegados, pois Haley non concorrerá neste Estado, segundo Trump, "polas malas enquisas". E na 'casa' de Haley, asegura que leva "unha vantaxe de 30 a 50 puntos", polo que confía en facerse tamén coa vitoria.

O magnate ten nestes momentos 31 representantes asegurados de cara á Convención Nacional Republicana; Haley, 16. Xa quedaron oficialmente fóra de combate Ron DeSantis, que lograra 9 en Iowa e pediu o voto para Trump, e Vivek Ramaswamy, que conseguira 3. Con todo, Nikki Haley non se rende e aínda confía na remontada.

"Esta carreira está lonxe de rematar, quedan decenas de estados por percorrer. Nalgún momento da campaña eramos 14 candidatos e estabamos ao 2% —en intención de voto— nas enquisas. Ben, son unha loitadora, agora estamos unicamente nós fronte a Donald Trump", apuntou, ao tempo que valorou que unha nominación do seu rival é "unha vitoria" para o actual presidente, o demócrata Joe Biden. "É o único republicano ao que Biden pode derrotar", sentenciou.

Comentarios