Estados Unidos

Trump busca confirmar a súa candidatura presidencial após retirarse DeSantis: Haley, a principal rival

"Teño claro que a maioría dos votantes queren darlle outra oportunidade a Donald Trump", dixo DeSantis.
Nikki Haley. (Foto: Gage Skidmore / ZUMA Press Wire / dp / DPA)
photo_camera A aspirante republicana Nikki Haley. (Foto: Gage Skidmore / ZUMA Press Wire / dp / DPA)

O ex presidente estadounidense entre 2017 e 2021, Donald Trump, enfronta mañá en Nova Hampshire o que pode ser o seu “maior desafío” de cara a lograr a designación do Partido Republicano para participar nas eleccións presidenciais do 5 de novembro, sostén a axencia AP.

Nova Hampshire será o segundo Estado no que decorrerán as eleccións primarias dos republicanos, e o primeiro no que entra en xogo o Partido Demócrata, que de forma previsíbel escollerá o mandatario Joe Biden como o seu candidato.

O proceso, que chega unha semana despois de que Trump recibira máis da metade dos apoios en Iowa, está marcado polo anuncio o pasado domingo do gobernador de Florida, Ron DeSantis, que resolveu retirarse das primarias, afirmando que “teño claro que a maioría dos votantes queren darlle outra oportunidade a Donald Trump”, antes de incidir en que “non podemos volver á vella garda”.

En Iowa, DeSantis fíxose con 21% dos sufraxios, por diante da ex embaixadora na Organización das Nacións Unidas (ONU) Nikki Haley, con 19%. Porén, en Nova Hampshire, máis favorábel as propostas políticas de Haley, as enquisas adiantaban que o gobernador concentraría apenas 6% dos votos, con Haley rozando 40% e Trump con 50%. Asemade, as enquisas a nivel federal recollían que DeSantis estaba a 50 puntos do ex mandatario e por detrás de Haley.

A súa precandidatura foi considerada durante moito tempo como a principal ameaza para Trump, logo da súa reelección en novembro de 2022 como gobernador de Florida e os resultados por baixo do agardado dos republicanos nos comicios lexislativos que decorreron en paralelo.

No que atinxe a Nova Hampshire, os medios locais detallan que, mentres unha vitoria de Haley outorgaría máis competitividade ás primarias republicanas, outro éxito de Trump podería ratificar xa no comezo das votacións que o ex presidente ten asegurada a súa elección como candidato por terceira ocasión consecutiva.

Aínda que tecnicamente o empresario e sacerdote Ryan Binkley continúa formando parte das primarias, non obtivo apoios e doazóns dabondo como para poder participar nos debates entre as distintas precandidaturas.

En todo caso, até a participación de Trump nas eleccións está en suspenso, pendente de que en febreiro o Tribunal Supremo analice a decisión da Xustiza de Colorado de impedir a súa presenza nas papeletas no Estado das primarias e das presidenciais ao considerar que formou parte dunha insurrección.

Comentarios