A ultradereita sae en defensa de Ayuso: Vox pide a dimisión ou o cesamento do fiscal xeral do Estado

A denuncia de fraude contra a parella de Ayuso foi interposta pola Fiscalía de Madrid.
O portavoz de Vox no Concello de Madrid e deputado no Congreso estatal, Javier Ortega Smith, este sábado en Madrid (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera O portavoz de Vox no Concello de Madrid e deputado no Congreso estatal, Javier Ortega Smith, este sábado en Madrid (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).

O portavoz de Vox no Concello de Madrid e deputado no Congreso estatal, Javier Ortega Smith, pediu este sábado a dimisión do fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, pola "falta de neutralidade" coa que, ao seu xuízo, está a actuar o Ministerio Público na investigación a Alberto González Amador, a parella da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.

Ortega Smith carga contra García Ortiz a pesar de que foi a Fiscalía de Madrid, que dirixe Pilar Rodríguez, e non a Fiscalía Xeral do Estado, a que interpuxo a denuncia contra a parella de Ayuso pola fraude fiscal de 350.951 euros despois da presentación de 15 facturas falsas por valor de 1,7 millóns de euros.

En declaracións á prensa antes de participar nunha manifestación convocada por policías e gardas civís en Madrid, o dirixente de Vox cualificou de "gravísimo" o feito de que transcendesen os correos electrónicos que se cruzou a fiscalía coa defensa de González Amador, nos que a parella de Ayuso recoñecía que cometera o presunto delito fiscal do que se lle acusa e abríase a un acordo co Ministerio Público.

"Demóstrase unha vez máis que a Fiscalía está ao servizo do Goberno e os políticos", comentou, incidindo en que no Estado español "písase o dereito de presunción de inocencia máis elemental de calquera cidadán, o dereito ao segredo profesional nas conversacións entre avogados e clientes e a necesaria e obrigatoria neutralidade da Fiscalía á hora de investigar".

Actuación en defensa da institución

Porén, a Fiscalía de Madrid fixo públicos estes correos nunha “nota informativa” só despois de que Ayuso, e máis representantes do Partido Popular, puxeran en cuestión a veracidade das acusacións da Fiscalía e a imparcialidade do seu proceder. Deste modo, os correos foron publicados "en defensa da fiscal, da Fiscalía, de delitos económicos e de toda a institución".

Trátase dun proceder normal no contexto de que alguén poña en dúbida publicamente a actuación do organismo e a honorabilidade das súas decisións. Con todo, o fiscal xeral do Estado, accedeu a reunirse co Colexio de Avogacía de Madrid, unha vez que o Consello Xeral da Avogacía propuxo a convocatoria dunha comisión mixta "para a revisión e actualización do Protocolo de actuación para xuízos de conformidade".

A pesar de todas estas cuestións, Ortega Smith pediu "a inmediata dimisión" ou o "cesamento" do fiscal xeral do Estado, porque, ao seu xuízo, esta situación é "unha auténtica vergoña para a democracia, para o Estado de Dereito e para os mínimos e máis elementais dereitos".

Comentarios