Identificados os sete asturianos fusilados na fosa de Celanova

Confírmanse os nomes de Marcelino Fernández e Abelardo Suárez.
Concepción López, Mario César Vila, Fernando Serrulla e Ana Mosquera. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concepción López, Mario César Vila, Fernando Serrulla e Ana Mosquera. (Foto: Nós Diario)

A exhumación da fosa común do cemiterio de Celanova a finais de 2022 permitiu localizar os restos de "sete milicianos asturianos fusilados o 22 de setembro de 1939 por un pelotón da Bandeira da Falanxe de Marrocos", segundo figuraba xa na documentación achegada polo Comité de Memoria Histórica da comarca de Celanova cando no mes de febreiro se iniciaron os trámites para a súa escavación.

Onte, o equipo de historiadores, arqueólogos, forenses e xenetistas que se encargou desa intervención, no marco do Plan de Memoria Democrática 2022, deu a coñecer os resultados das súas investigacións.

Concepción López, historiadora do Grupo Histagra da USC e responsábel da documentación da fosa; Fernando Serrulla, antropólogo forense do Imelga (Instituto de Medicina Legal da Galiza); Mario César Vila, arqueólogo, responsábel de Tempos Arqueólogos, empresa que executou a escavación; e Ana Mosquera, investigadora do Laboratorio de Xenética do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC, en representación do equipo multidisciplinar que se encargou da intervención na fosa, confirmaron que os restos de dous dos individuos atopados na fosa de Celanova corresponden a Marcelino Fernández García e a Abelardo Suárez del Busto, dous mozos asturianos, de 21 e 29 anos, mecánico e albanel, respectivamente, fusilados no outono do 39 por unha unidade militar falanxista.

Investigación histórica

As mostras de ADN contrastadas coas dunha filla, Josefa, no caso de Marcelino, e coas dunha neta, Graciela, no caso de Abelardo, obteñen unha compatibilidade de 99,9%, o que confirma os resultados da análise forense e a hipótese da investigación histórica. Ademais desta, unha das fontes principais que axudou o equipo investigador a localizar os restos das sete persoas que buscaban no cemiterio de Celanova foron as causas militares que lles incoaron. "As dilixencias de enterramento e de execución da sentenza a pena de morte foron as que nos permitiron identificar o lugar onde foron asasinados e enterrados".

A investigación histórica levada a cabo polo grupo Histagra da Universidade de Santiago, partiu da demanda das familias de Marcelino Fernández e Abelardo Suárez, ambos veciños de Xixón, fuxidos ante a inminente toma por parte dos sublevados cara finais de outubro de 1937. 

As fontes xurídico-militares permitiron atopar que foran xulgados en varias ocasións en Camposancos (A Guarda) e, posteriormente trasladados, xunto con outros cinco individuos –tamén de Xixón–, á prisión de Celanova. 

Os sete foron condenados a pena de morte e, tras pasar máis de seis meses recluídos na vila, as autoridades militares ordenaron a execución, que tivo lugar na que hoxe se coñece como a parte vella do cemiterio de San Breixo, que o Comité de Memoria Histórica de Celanova xa solicitou declarar 'Lugar de Memoria', de acordo co estabelecido na vixente Lei de Memoria Democrática.

Entrega ás familias

Nas próximas semanas trá lugar a cerimonia de entrega dos restos ás familias. Mentres, o grupo de traballo en colaboración co Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova seguirá na procura das familias dos outros cinco mozos que foron fusilados canda Marcelino e Abelardo aquela mañá de 1939: Baldomero Vigil Vallejo, Guillermo de Diego Álvarez, Alfonso Moreno Gayol, Belarmino Álvarez García e Mariano Blanco González..
 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios