—Cal era o obxectivo de facer estes vídeos arredor da historia de Betanzos?
Coñecemos bastante ben a zona. Sempre pensamos que Betanzos ten un potencial tremendo a nivel histórico e medieval. O Museo das Mariñas é un lugar que está moi pouco valorado para o que significa e para as cousas que podes atopar nel. Pensamos que podía ser unha boa idea e cando a Deputación veu os proxectos que se presentaran, valorou especialmente o noso porque sae de Santiago e da figura de Dona Urraca. Queriamos facer unhas pequenas pílulas informativas para que despois a xente descubra lugares como o Museo das Mariñas ou a igrexa de San Francisco e as distintas temáticas das que falamos. Para nós foi un proxecto moi bonito e penso que as vilas como Betanzos ou Mondoñedo teñen unha historia fascinante que é moi importante sacar á luz e poñela en valor. Cremos que é un proxecto que ten continuidade, independentemente de se nós facemos máis vídeos, porque os materiais xa se están utilizando en centros educativos.
—Cales foron as dificultades á hora de levalo a cabo?
Unha das cousas máis bonitas do proxecto, para min, é a colaboración con historiadoras e historiadores. Nun principio nós tiñamos a idea de que Ángel Arcay, director do Arquivo de Betanzos e Museo das Mariñas, fixera todos os vídeos. Mais el propúxonos contar tamén con outras persoas de Betanzos, xente nova que tamén é historiadora: Andrea Rivera, José Ángel Paz, Sara Fraga, Antonio González, Elena Carro e América Díaz. A forma na que contan esa historia, que levan tan dentro, foi un punto moi importante á hora de levar a cabo o proxecto.
Nós tiñamos claro que queríamos meter moita posprodución e explicarlles o que queriamos quizais foi o máis complexo. Traballamos moito os guións audiovisuais e moitas veces as persoas que teñen un coñecemento bastante amplo das súas temáticas dinnos de facer elas os guións. Claro, estamos falando de cousas distintas e resulta bastante complexo explicarlles o que significa un guión.
Neste caso si que nos axudou bastante o coñecemento que nós xa tiñamos da historia de Betanzos e a boa disposición que mostraron, porque o que queriamos era facer vídeos accesíbeis para a rapazada. E neste sentido temos que agradecer moito o traballo de Antía Goyene, que foi quen traballou o estilo de motion graphics, e da cooperativa Coma Comunicación, polo seu traballo de deseño.
Aínda así houbo dificultades porque tampouco tiñamos exemplos moi claros cos que ilustrar a nosa idea. Agora, se facemos unha segunda tempada, van saber exactamente o que queremos deles.
—Alén dos oito vídeos, tamén hai unha ruta histórica que percorre a cidade.
Á parte de presentar o proxecto na Deputación, falamos co Concello, onde tamén tiveron bastante éxito os vídeos, para poder distribuílos a través de códigos QR. Aínda estamos en conversas e estamos pendentes de facer unha presentación no Teatro Alfonsetti. Dentro do deseño que fixemos con Ángel, el ve moi claro facer esta ruta e situar esas zonas públicas onde se poden atopar os túneles, o hórreo do que fala el nun dos vídeos, arquitectura concreta... Temos todo ben argallado para poder poñela en marcha.