Decenas de concellos izarán a bandeira este sábado para enxalzar a simboloxía galega fronte á "españolización permanente"

Vía Galega impulsa actos por toda a Galiza para difundir a bandeira da patria coincidindo co aniversario da primeira Asemblea Nacional, que demandaba cuestións como a autonomía integral da Nación galega, igualdade entre mulleres e homes, o sufraxio universal ou unha federación ibérica que incluíse Portugal.
Izado da bandeira galega hai un ano no parque do Castro de Vigo, nun acto impulsado por Vía Galega. (Foto: Vía Galega)
photo_camera Izado da bandeira galega hai un ano no parque do Castro de Vigo, nun acto impulsado por Vía Galega.

"Un día importante para a reivindicación e a visualización do que somos, galegas e galegos, e duns símbolos que temos que facer valer dándolle presenza permanentemente". Así describe Anxo Louzao, portavoz da Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais da Galiza Vía Galega, este sábado, día no que culminará a campaña que a entidade botou a andar esta semana, cun acto expansivo en diferentes localidades do país, que consistirá en colocar bandeiras galegas nos lugares máis vistosos.

Así, no seu afán por difundir os símbolos da Galiza —nomeadamente, o himno e a bandeira—,  Vía Galega impulsa unha xeira de actos nas sete grandes cidades e en varias decenas de vilas nas que se exaltará e exhibirá a bandeira galega. Unha campaña que coincide –non de maneira casual– co aniversario do desenvolvemento en Lugo, durante o 17 e o 18 de novembro de 1918, da I Asemblea Nacionalista. Cando se fan 105 desta efeméride, e logo da "grande acollida que tivo o ano pasado", Vía Galega busca cubrir a xeografía da Galiza, de norte a sur e de leste a oeste, de bandeiras galegas, engalanando fiestras e varandas de todo o país.

A vixencia das Irmandades da Fala

"Concretamos esta acción durante a semana do 13 ao 18 porque coincide coa primeira Asemblea Nacional. Parécenos que é a mellor maneira de celebrar esta efeméride que tivo unha grande importancia, pois naquela asemblea as Irmandades da Fala acordan unha serie de propostas e reivindicacións que son un programa que continúa vixente", explica Anxo Louzao a Nós Diario. Refírese así o portavoz de Vía Galega a demandas como a autonomía integral da Nación galega, a igualdade entre mulleres e homes, o sufraxio universal con representación proporcional, unha federación ibérica que incluíra Portugal, un réxime tributario galego ou a proclamación da soberanía estética da Nación galega.

De feito, segundo afirma Louzao, nesa asemblea decidiron deixar de chamarse rexionalistas, pasando a denominarse nacionalistas, un termo que recollía as aspiracións e a intensidade das súas propostas. "Por iso escollemos esta data: porque queremos celebrar a efeméride, e que mellor xeito que coa exaltación da nosa bandeira. Así, esta semana facemos un chamamento a que todo o mundo a exhiba nas súas fiestras e nas súas varandas", di Louzao.

En Vía Galega están certos da necesidade de impulsar campañas para divulgar o uso dos símbolos galegos, "os únicos que nos identifican e recoñecen como pobo, que fortalecen a nosa conciencia e cohesión nacional e contrarrestan a invasión da simboloxía española".

"A ninguén se lle escapa que estamos sometidos a unha españolización permanente e que o que realmente se pretende é borrar a nosa cultura", valora, unha afirmación que "colle máis forza ao padecermos infelizmente un Goberno [o da Xunta da Galiza] que ve como perigoso todo o que nos reforza como nación". "Só así se pode entender que sexa capaz, non só de perseguir a lingua, senón tamén de oporse a que poida ser falada no Congreso dos Deputados", sentenza Anxo Louzao.

Bandeira e himno, os símbolos da nación galega

Desde Vía Galega non só reivindican a bandeira como símbolo da Galiza. A plataforma vén de presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para restaurar a letra do Himno galego segundo a composición orixinal de Eduardo Pondal, tal e como certificou o profesor Manuel Ferreiro. A proposta ficou bloqueada no Parlamento galego cos votos en contra de PP e do PSdeG, unha postura que, para Louzao, "non está fundamentada en ningunha contraproposta nin trataron de desmentir a ILP".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios