Álvarez resta importancia ás críticas de Caballero sobre as primarias do PSdeG: "É un militante máis"

O portavoz da formación no Parlamento galego defende a "liberdade de opinión" do ex líder socialista e afirma que "non hai absolutamente ningún avance" a respecto dunhas primarias adiadas por orde de Ferraz até a futuríbel investidura de Pedro Sánchez no Goberno español.
O voceiro socialista no Parlamento, Luís Álvarez, hoxe en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O voceiro socialista no Parlamento, Luís Álvarez, hoxe en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, asegurou esta segunda feira que a opinión do actual deputado e ex secretario xeral da formación, Gonzalo Caballero, sobre o proceso de primarias no partido é "a dun militante máis". Así se pronunciou ao ser preguntado sobre as declaracións efectuadas por Caballero logo de que a dirección federal do PSOE ordenase adiar o proceso para elixir candidato á Presidencia da Xunta "até o decurso da sesión de investidura e a eventual formación de Goberno" no Estado, que se atopa nun marco complexo tras o escenario político que deixaron as eleccións do pasado 23 de xullo.

Despois de que Gonzalo Caballero sostivese que a dirección galega impulsara unha folla de roteiro que "non era acertada" tras "os trompazos electorais das municipais e das xerais", Luís Álvarez sinalou que todos os socialistas teñen "liberdade de opinión".

"O señor Gonzalo Caballero, ademais de ser deputado autonómico, ademais de ser ex secretario xeral do PSdeG, é un militante máis e, por tanto, goza da liberdade de opinión, do mesmo modo que outros deputados, que temos todos dentro deste partido", dixo.

Por iso, incidiu en que "o feito de que manteña certas discrepancias coa actual dirección do PSdeG cabe entendelo como algo normal, tendo en conta que o foi secretario xeral do Partido Socialista da Galiza e perdeu un proceso de primarias fronte ao actual secretario xeral". "Trátase dun procedemento que está regulado, a reacción de Gonzalo Caballero e algún outro deputado forma parte de algo predicíbel tendo en conta que hai un procedemento aberto para a elección do candidato á Xunta e o señor Caballero ten a lexitimidade toda para posicionarse para ese proceso de primarias e ser candidato", engadiu.

"Eu entendo que Gonzalo Caballero ten lexitimamente o dereito e a expectativa de poder ser o candidato á Presidencia da Xunta por parte do PSdeG, eu non vou contestar sobre o que o señor Caballero opina", resolveu o voceiro da formación socialista na Cámara.

Na súa intervención, Luís Álvarez sostivo que "non hai absolutamente ningún avance" en relación a este proceso desde que hai dúas semanas a dirección federal do partido decidise aprazar o proceso até a conformación dun novo Goberno no Estado. Un proceso que, precisou, "está vinculado á perda de tempo, de case un mes enteiro", debido á "viaxe a ningunha parte iniciado por [Alberto Núñez] Feixoo coa única finalidade de salvar os móbeis na súa posición como presidente do PP".

"Unha vez que se produza esa investidura errada, que será a finais de mes, e comece o procedemento e a xefatura do Estado encargue a conformación dun novo Goberno, previo debate de investidura, ao señor [Pedro] Sánchez, volveremos falar do asunto", afirmou.

Comentarios