18-F

Ana Pontón demanda o reforzo dos servizos sanitarios do Baixo Miño

Ás portas de que comece a campaña electoral, a candidata do BNG a presidir a Xunta da Galiza, Ana Pontón, apura até o último minuto para abordar cuestións como a sanidade bucodental, os servizos sanitarios ou a situación das ensinanzas superiores, no marco da xeira de visitas que está a realizar polo país.
Anxo Baz, Ánxela Fernández, Ana Pontón, Luís Bará e Carme Núñez, esta terza feira, no Rosal (Baixo Miño). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Anxo Baz, Ánxela Fernández, Ana Pontón, Luís Bará e Carme Núñez, esta terza feira, no Rosal (Baixo Miño). (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, proseguiu a súa xira de precampaña cun acto aberto no Rosal (O Baixo Miño), onde aproveitou a súa intervención para destacar algunhas das medidas para este concello e o conxunto da comarca que ten previsto desenvolver o Goberno que aspira a presidir após o 18 de febreiro.

Ante un auditorio ateigado de veciñas e veciños, Pontón avanzou que un Executivo do BNG fará "investimentos alí onde o PP fixo recortes". "Comezando por reforzar os servizos públicos", dixo, comprometéndose a levar a cabo, como unha das primeiras medidas á fronte do Goberno galego, un plan de choque de 200 millóns de euros para rescatar a atención primaria. "Para que os centros de saúde teñan suficiente persoal, tamén no Rosal, que se que hai falta de médicas", subliñou. 

Na mesma liña, a candidata do BNG prometeu medidas para que as persoas maiores teñan "unha vellez tranquila", tanto nas súas casas "duplicando o SAF", como en residencias "un servizo do que carece O Rosal".

En Moaña, tamén coa sanidade pública

Pontón anunciou esta terza feira en Moaña (O Morrazo) –onde mantivo unha xuntanza coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da vila– que un Goberno liderado polo BNG ampliará a cobertura da atención á saúde bucodental na Atención Primaria, incluíndo cambio de pezas e dentadura, empastes, limpezas ou todo o relativo á prevención, cuestións que ve fundamentais. 

“Unha das medidas que tomarei será ampliar o programa de saúde bucodental de maneira que todas as persoas ao final da lexislatura poidan ir ao seu centro de saúde para poder facerse unha limpeza, un cambio de pezas ou de dentadura, un empaste ou todo o que ten que ver coa prevención neste ámbito”, afondou Pontón.

Incremento de 15% nas bolsas universitarias 

Ana Pontón reuniuse tamén esta terza feira co reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, para abordar a situación da educación superior na Galiza e adiantarlle as principais propostas do programa de Goberno do BNG neste eido. Entre elas, a gratuidade das matrículas, a transferencia da xestión das bolsas universitarias –na actualidade dependen do Estado español– co obxectivo de incrementar a súa contía un 15%, a creación dunha bolsa de vivenda e a dotación de máis recursos aos campus galegos. 

Comentarios