18-F

‘Do rural á mesa’, a proposta do BNG de compra de produto galego para comedores escolares ou hospitais

Ana Pontón anuncia un tícket rural dotado con 15.000 euros anuais e rebaixas nas cotizacións dos emprendedores para impulsar proxectos innovadores no sector agrogandeiro.

Ana Ponton-Mazaricos-2
photo_camera Ana Pontón durante a visita a unha explotación gandeira en Mazaricos (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG e candidata nacionalista á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, estivo na mañá desta segunda feira nunha explotación gandeira dirixida por mulleres en Mazaricos, unha visita que aproveitou para avanzar algunha das propostas dun futuro Goberno do BNG para o sector agrogandeiro.  Entre elas, a posta en marcha do programa ‘Do rural á Mesa’ destinado á compra pública de produto galego para o seu consumo en comedores de centros escolares, hospitais, centros sociais e da Administración.

Do Rural á Mesa servirá, destacou Pontón, para “apoiar de maneira directa os nosos produtores e produtoras, mais tamén para aumentar a calidade da alimentación que se proporciona nos espazos públicos”.

Trátase, afondou a portavoz nacional e candidata, dun programa aberto ao conxunto das administracións galegas mediante a compra conxunta de “produto fresco, galego e de proximidade” co que fornecer ás cociñas de todos os comedores de carácter público, un obxectivo que a candidata nacionalista propuxo cumprir ao longo da lexislatura.  

Familais de rendas máis baixas

Na mesa liña, avanzou que un goberno liderado polo BNG vai pór en marcha un cheque de compra de alimentación para que as familias de rendas más baixas, “as que peor o están a pasar”, teñan acceso a produtos frescos de calidade e, polo tanto, tamén a unha mellor alimentación.

Dúas propostas ás que a candidata se comprometeu en Mazaricos, comarca de Xallas, co obxectivo de manter “un rural vivo e produtivo” que o programa do BNG enfoca dende tres claves prioritarias: a dotación de servizos propios do século XXI tanto no ámbito social como tecnolóxico, o apoio ao sector agrogandeiro e o fomento do emprendemento para dar paso a novas actividades económicas.

Entre as medidas concretas para avanzar nun rural capaz de xerar riqueza e emprego, e que ao tempo axude a preservar o territorio, Pontón avanzou a posta en marcha dun tícket rural, dotado con até 15.000 euros anuais, durante un quinquenio, para apoiar proxectos innovadores que non estean directamente relacionados co sector agrogandeiro. Para completar esta medida, adiantou que co BNG na Xunta haberá rebaixas na cotización á Seguridade Social para todas as persoas que emprendan no rural. En concreto, o programa nacionalista inclúe exencións na cota de autónomos durante os tres primeiros anos.

A candidata do BNG considerou, por outra banda, que para  as explotacións agrogandeiras é fundamental o aumento da superficie agraria útil, que na Galiza é menor que no conxunto do Estado e de Europa.

Pontón aproveitou a visita á explotación de Mazaricos para destacar o traballo feito polas mulleres no rural, moitas veces non recoñecido. Por iso un dos seus compromisos será tamén traballar pola igualdade no rural, promovendo a cotitularidade das explotacións ou con máis recursos para a conciliación.

Comentarios