Besteiro, o favorito na carreira do PSdeG cara á Xunta

As primarias dos socialistas galegos para elixir o candidato á Presidencia da Xunta da Galiza desenvolveranse o 29 outubro. A urxencia da convocatoria está ligada ao convencemento do partido sobre un adianto electoral na Galiza. O antigo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, confirmou esta segunda feira a súa decisión de concorrer ao proceso, onde parte como gran favorito a falta de que se concreten  outras posíbeis opcións.

José Ramón Gómez Besteiro copou hoxe boa parte da atención mediática nos corredores do Parlamento da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro copou hoxe boa parte da atención mediática nos corredores do Parlamento da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Os socialistas anunciaron esta segunda feira a súa decisión de acelerar o proceso de primarias. O acordo tomouse días pasados á vista do novo escenario político na Galiza e no Estado. Nesta dirección, a data avanzada para a realización das primarias é o 29 de outubro, dando arredor de 20 días ás posíbeis candidaturas para presentar a súa proposta a toda a afiliación. 

A decisión adóptase desde o convencemento dun adianto electoral na Galiza. Malia que a dirección do PSOE procedeu a adiar o proceso de primarias até non estar resolta a investidura de Pedro Sánchez, as novas circunstancias obrigaron a un cambio de postura. Neste sentido, as fontes socialistas consultadas por Nós Diario apuntaron a que non axilizar a elección do candidato situaríaos ás portas duns comicios galegos sen alternativa para enfrontar o candidato do PP, Alfonso Rueda.

Os tempos electorais

Os tempos sono todo en política e por iso non é casual a data escollida para anunciar as primarias e para formalizar a candidatura de Gómez Besteiro. Con esta decisión, queren coarse no Debate do estado da nación que comezou esta segunda feira no Parlamento da Galiza e evitar unha bipolarización aínda maior entre o presidente da Xunta e a líder da oposición e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Besteiro explicou o seu paso á fronte asegurando que “o que me ocupa e preocupa é facer un bo traballo, presentarme diante dos militantes tal e como son, cun proxecto, como dixen antes, dunha Galiza aberta e, por tanto, dun Partido Socialista moi aberto cara á sociedade". Nesta perspectiva, considerou que "un dos grandes defectos que hai hoxe na xestión da Galiza por parte do PP é fecharse en si mesmo e botar a culpa aos demais, non asumindo responsabilidades propias".

Besteiro, o favorito

O socialista lugués parte como favorito para ser designado candidato socialista á Presidencia da Xunta da Galiza. Ao seu favor, conta con todo apoio da dirección estatal do partido e do círculo de Pedro Sánchez, que non dubida en mandar sinais á opinión pública sobre as súas preferencias por Gómez Besteiro. Nesta liña, explícase a súa elección para defender a posición do PSOE no Congreso sobre o uso das linguas oficiais e a súa incorporación á comisión de negociación da investidura de Sánchez co BNG, na perspectiva de rendibilizar parte dos logros do acordo.

Besteiro conta co apoio da maioría de dirixentes socialistas. Ten do seu lado os pesos pesados da formación na circunscrición da Coruña e Lugo así como a gran maioría da militancia nesas zonas. Ao tempo, conta co apoio dunha parte significativa da afiliación ourensá; porén, a dirección do partido na provincia está en mans do sector crítico coa dirección galega. Asemade, dispón do apoio dunha parte da militancia socialista da circunscrición de Pontevedra.

Caballero e Formoso

O último candidato á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, anterior secretario xeral do partido -perdeu nas primarias fronte ao actual líder, González Formoso- está disposto a presentarse ás primarias. Porén, a súa decisión vai estar condicionada pola posición dos socialistas vigueses, liderados por Abel Caballero, e agarda contar con este sector do partido.

Esta segunda feira avanzou que "reinicia" o seu "proceso de escoita" da militancia co obxectivo de pórse "ao dispor do partido para, se considera que son o mellor candidato posíbel e a militancia así o decide", liderar a candidatura á Xunta. Caballero subliñou que con el como líder, o partido tivo mellores resultados electorais que con Besteiro e Formoso.

Aliás, Formoso dixo onte que non se vai presentar ás primarias. A presenza dun ou varios candidatos ten vantaxes e inconvenientes. De Besteiro non atopar competidor, a candidatura podería verse como a do aparato, e varios contrincantes poderían xerar tensións ás portas dos comicios.

Comentarios