González Formoso confirma que non se presentará ás primarias do PSdeG e afirma que será "neutral"

En declaracións aos medios antes da sesión vespertina do Debate de Estado da Nación, Formoso aplaudiu que o PSdeG vaia "iniciar un proceso de primarias que está confirmado" e no que "calquera compañeiro pode presentarse".
Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, aplaudiu esta segunda feira a autorización da Executiva Federal Socialista para reiniciar as primarias para elixir o próximo candidato á Xunta da Galiza, un proceso no que, dixo, todos os compañeiros socialistas "contan co apoio da organización" e ao que, confirmou, non optará.

En declaracións aos medios antes da sesión vespertina do Debate de Estado da Nación, Formoso aplaudiu que o PSdeG vaia "iniciar un proceso de primarias que está confirmado" e no que "calquera compañeiro pode presentarse".

"Nós exercemos o que somos, actuamos e dicimos como somos: somos demócratas, a soberanía é un concepto que manexamos tamén internamente, a liberdade de voto e, por tanto, pomos en valor, como fan todas as democracias avanzadas, un proceso de primarias", explicou.

Preguntado polo seu posíbel apoio á candidatura de Gómez Besteiro, que esta segunda feira confirmou a súa intención de presentarse e que acompañou a Formoso na súa intervención, o secretario xeral dixo que "todos os compañeiros parten" do mesmo apoio, xa que o proceso está aberto a "aquel ou aquela que teña a intención de achegar ao seu país dentro do partido socialista", polo que "todos contan co apoio absoluto da organización".

"Serei neutral"

A continuación, Formoso confirmou que mantén a súa intención de non presentarse, se non que exercerá "un papel de neutralidade, de impulso deste proceso democrático", e non entrou a valorar o motivo polo cal Ferraz decidiu desbloquear agora o proceso, que foi paralizado en agosto á espera da formación de Goberno.

"Para nós o relevante é que solicitaramos a celebración das primarias hai tempo", sinalou, admitindo que "o período se complicou co proceso de investidura de Núñez Feixoo".

"En calquera caso, hoxe temos por fin a autorización para organizar unhas primarias", apuntou Formoso, que viu "desnortado" ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e as eleccións galegas "máis perto que nunca".

Comentarios