Caballero, "a disposición" do PSdeG, defende que tivo "mellores resultados" que Besteiro e Formoso

"Todos os compañeiros teñen o meu respecto, pero eu manteño a liña política que é mellor, baseada na ética, no galeguismo, na esquerda, no ecoloxismo e no feminismo", afirma, logo de que Besteiro confirmase que concorrerá ás primarias do PSdeG.
Gonzalo Caballero, esta segunda feira, nos corredores do Parlamento da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Gonzalo Caballero, esta segunda feira, nos corredores do Parlamento da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O deputado socialista Gonzalo Caballero avanzou esta segunda feira que "reinicia" o seu "proceso de escoita activa" da militancia co obxectivo de porse "a disposición do partido" para liderar a candidatura do PSdeG á Xunta, aínda que aprazou calquera anuncio ou valoración en profundidade a coñecer o calendario exposto pola dirección. Díxoo logo de que José Ramón Gómez Besteiro avanzase á primeira hora da mañá a reactivación do proceso de primarias para liderar a candidatura socialista, confirmando tamén que presentará a súa candidatura.

Fronte a isto, Caballero asegurou que nestes momentos está "pendente da posíbel publicación dun calendario" coa convocatoria de primarias. "Até esta fin de semana eu non tiña ningunha información sobre que puidese existir un novo calendario e estou a esperar que os órganos competentes do partido decídano hoxe e, a partir de aí, traballaremos", destacou.

No entanto, como xa dixera noutras ocasións, avanzou a súa disposición a liderar a candidatura socialista á Xunta. "Estou a disposición do partido para, se considera que son o mellor candidato posible e a militancia así o decide, encabezar unha candidatura para levar o PSdeG ao mellor resultado electoral que permita que [Alfonso] Rueda deixe de ser presidente da Xunta da Galiza", explicitou.

Para iso, reiniciará o seu "proceso de escoita activa coa militancia", paralizado no mes de agosto, "cando a dirección estatal estabeleceu que debiamos paralizar as primarias na Galiza para concentrarnos na investidura de Pedro Sánchez". "Agora, se hai un novo calendario e novas decisións, adaptareime ao novo escenario e traballarei para, desde o papel que me corresponda, conseguir que o PSdeG avance e creza na Galiza", aseverou.

Para este obxectivo, Gonzalo Caballero lembrou que mentres el exerceu de secretario xeral do PSdeG "o partido creceu en todas as eleccións que houbo". "Crecemos nas eleccións xerais, despois en municipais, nas eleccións autonómicas e nas eleccións europeas", afirmou, tras o que apuntou que "nas últimas eleccións municipais e xerais na Galiza" o PSdeG tivo "un retroceso electoral importante".

"Temos que acertar no rumbo que queremos para conseguir chegar con forza ás próximas eleccións autonómicas co reto de conseguir que o Partido Popular saia do Goberno da Xunta. Se non temos un PSdeG forte e que acerte o rumbo, non conseguiremos o cambio político na Galiza", engadiu.

Así, Caballero fixo fincapé nos seus resultados á fronte dos socialistas galegos, "unha etapa na que houbo moito mellores resultados que na etapa de [José Ramón Gómez] Besteiro ou na actual etapa liderada polo compañeiro Valentín González Formoso". "Todos os compañeiros teñen o meu respecto, pero eu manteño a liña política que é mellor, que é unha liña baseada na ética, no galeguismo, na esquerda, no ecoloxismo e no feminismo", destacou, rexeitando entrar a valorar o anuncio de Besteiro.

Comentarios