BNG e Compostela Aberta selan as bases dun "goberno transformador" con Sanmartín de alcaldesa e Rozas de tenenta

A futura rexedora nacionalista deixa "a porta aberta" ao PSOE por se "reconsidera" a súa postura ao longo da lexislatura e decide finalmente incorporarse a un equipo que desde este sábado conformarán oito edís e que, en palabras das e dos representantes de Bloque e CA, está "preparado" para comezar a traballar "desde o minuto un".
De esquerda a dereita, Manuel César Vila, Pilar Lueiro, Míriam Louzao, Goretti Sanmartín, María Rozas, Xesús Domínguez, Xan Duro e Iago Lestegás. (Foto: Nós Diario)
photo_camera De esquerda a dereita, Manuel César Vila, Pilar Lueiro, Míriam Louzao, Goretti Sanmartín, María Rozas, Xesús Domínguez, Xan Duro e Iago Lestegás. (Foto: Nós Diario)

O BNG e Compostela Aberta selaron esta sexta feira as bases do "goberno transformador" que iniciarán, previsibelmente, a partir deste sábado —perante a sesión constitutiva na que o PSOE garantiu o seu apoio— e que terá a María Rozas (CA) como tenenta de alcaldesa —cargo que xa ostentara no Goberno de Martiño Noriega—. Este foi o único avance que detallaron esta sexta aGoretti Sanmartín, a futura rexedora, e mais Rozas sobre o futuro equipo de goberno, que estará formada polos oitos edís do Bloque (6) e de Compostela Aberta (2), despois de que os socialistas composteláns rexeitasen participar del.

Sobre as áreas de goberno e quen se ocupará de cada unha delas, Sanmartín sinalou que o anunciarán a próxima semana, do mesmo modo que o programa de goberno. "Entendemos que aínda que iso sexa algo que sempre causa expectación, hai que respectar os tempos", defendeu. Porén, asegurou que o acordo está "completo e finalizado", e destacou que o reparto de áreas non é unha cuestión "cuantitativa", senón de que cada un dos edís teña áreas "relacionadas cos perfís específicos das persoas que conforman o grupo de goberno". "Non funcionamos dunha maneira de peso cuantitativo, senón de relevancia cualitativa e de relación directa co perfil de cada persoa", insistiu a nacionalista.

En rolda de prensa esta sexta no CSC Maruxa e Coralia da capital galega, Goretti Sanmartín e María Rozas, acompañadas do resto de concelleiros e concelleiras electas —Manuel César Vila, Pilar Lueiro, Míriam Louzao, Xesús Domínguez, Xan Duro e Iago Lestegás—, escenificaron a sinatura de seis puntos que se corresponden cos "eixos de goberno fundamentais" do futuro Executivo.

O primeiro compromiso pasa por impulsar a igualdade e o feminismo de maneira transversal en todas as áreas de goberno; o segundo, traballar para garantir todos os dereitos sociais para todas as persoas, situándoas no centro das políticas públicas desde unha perspectiva social e solidaria; o terceiro, fomentar a creación de emprego de calidade, os dereitos de conciliación e a diversificación económica, en colaboración co tecido empresarial e sindical, e aproveitando os recursos e sinerxías coa USC.

Aliás, recolle a adopción de medidas a favor da sustentabilidade, da naturalización dos espazos urbanos e para situar Santiago á vangarda contra o cambio climático, así como apostar polo equilibrio territorial entre os diferentes barrios e por un rural con dereitos e con servizos básicos de calidade. Outro dos eixos subscritos pasa por exercer como capital do país e como plataforma de proxección internacional da cultura galega, intensificando a promoción social da lingua galega e dos sinais nacionais de identidade do pobo galego.

Por último, acordaron traballar en colaboración con outras administracións e institucións para conseguir recursos na defensa dos intereses de Santiago de Compostela, alén de impulsar e de axilizar novas infraestruturas, servizos públicos e equipamentos de ensino, sanitarios, culturais, ambientais e sociais. Por outra parte, o documento asinado esta sexta feira recolle que a actuación deste "goberno transformador 2023-2027" rexerase polos principios de cohesión, eficacia, lealdade e transparencia, en constante diálogo cos tecidos social e asociativo da cidade.

O Goberno, "preparado"

Goretti Sanmartín asegurou que coa sinatura deste acordo de goberno antes do pleno constitutivo deste sábado queren "lanzar unha mensaxe de que este goberno está preparado" para tomar as rendas da cidade "desde o primeiro día". "A noticia agora é que existe un goberno, conformado por oito persoas, con ganas, con forza, que se vai pór a traballar, a deixarse a pel por Santiago de Compostela a partir do minuto un", reivindicou Sanmartín. Pola súa parte, María Rozas mostrouse satisfeita co acordo para "ter un bo goberno desde o primeiro momento" e afrontar "os retos que ten Santiago desde xa".

Incorporación do PSOE

A preguntas dos medios sobre a posíbel incorporación do grupo municipal socialista máis adiante, Sanmartín asegurou que "a vontade" dos dous grupos que conformarán o goberno é "incorporar máis xente a traballar". Por iso, afirmou que se nalgún momento "reconsideran" a súa postura, o Executivo local terá "as portas abertas", se ben insistiu en que o grupo de oito edís será un goberno "sólido, cohesionado e unido" con "capacidade, enerxía, experiencia e eficiencia".

Tamén defendeu que o de Bloque e CA é un goberno "que responde aos intereses da poboación de Santiago", que "apostou por unha transformación"."Estamos preparados para traballar desde o primeiro minuto, sabendo que gobernar non é fácil. É tomar decisións, definir as prioridades, pero sempre é máis fácil cando levas no teu ADN a política de colaboración co tecido económico, sindical e veciñal", reiterou.

Comentarios