Goretti Sanmartín liderará finalmente un goberno en minoría en Santiago

O PSOE acorda non entrar no Executivo que liderará o BNG e do que, previsibelmente, fará parte Compostela Aberta.
Goretti Sanmartín celebrando os resultados do pasado 28 de maio. (Foto: Arxina)
photo_camera Goretti Sanmartín celebrando os resultados do pasado 28 de maio. (Foto: Arxina)

Malia que desde o momento mesmo en que se consolidou o seu liderado entre as forzas políticas alternativas ao PP abriu a porta a formar un goberno "amplo e estábel" en Santiago, finalmente todo apunta a que Goretti Sanmartín gobernará en minoría os próximos catro anos. A que será a primeira muller nacionalista á fronte do goberno da capital galega avogou reiteradamente por incluír tanto ao PSOE como a Compostela Aberta no seu equipo para dotalo dunha sólida maioría —14 de 25 escanos— fronte aos populares 11—; porén, os seis edís socialistas non entrarán no Executivo dirixido polo BNG.

Xa este domingo o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, trasladou que a súa formación non era partidaria de entrar no goberno compostelán logo de perdelo nas urnas o pasado 28 de maio, o que provocou as saídas do alcalde en funcións, Xosé Sánchez Bugallo, e o número tres da candidatura, Xoaquín Fernández Leiceaga. E esta segunda feira o grupo municipal, nun encontro coa dirección galega do partido e cos dirixentes provinciais, acordou definitivamente rexeitar o convite de Sanmartín.

Así vén de confirmalo a axencia Europa Press, que cita fontes socialistas coñecedoras desta reunión. Dentro do grupo municipal, segundo as mesmas fontes, había certas discrepancias sobre o papel que debería xogar o PSdeG neste mandato, pois había tanto partidarios de entrar no goberno como de facilitar a investidura e ficar na oposición os próximos catro anos.

Para esta terza feira está prevista unha nova xuntanza entre representantes socialistas e nacionalistas co obxectivo de concretar o seu apoio na sesión constitutiva da corporación municipal do próximo sábado, día 17. Todo isto nun momento delicado para o partido en Santiago, cuxa dirección asumirá, á fronte dunha xestora, o secretario de organización do PSOE provincial da Coruña, Diego Fernández López.

Si estarán no goberno de Goretti Sanmartín, previsibelmente, os dous edís de Compostela Aberta, María Rozas e Xan Duro, ambos os dous con experiencia previa en Raxoi, a primeira como tenente de alcalde de Martiño Noriega e concelleira de Facenda e o segundo, como responsábel da área de Medio Ambiente. A pasada semana ambas as formacións acordaron iniciar o deseño do programa para o pacto de goberno.

A repartición de forzas deixaría, deste modo, un goberno en minoría para o vindeiro mandato: 8 edís da suma de BNG e CA fronte aos 11 do PP e os 6 do PSOE, que o sábado deberá votar 'si' a Sanmartín para permitir un goberno alternativo ao PP, tal e como acordaron facilitar nacionalistas e socialistas ao longo do país após os resultados do 28-M.

Comentarios