10.000 toneladas de residuos do 'Prestige' seguen sen tratar nunha balsa de augas das Somozas

O BNG urxe o Goberno español a iniciar, canda a Xunta, os traballos para o tratamento destes residuos tóxicos. Unha negativa, precisou, suporía "incumprir" a Lei de residuos contaminados.
Chapapote do Prestige nunha praia galega  de Stéphane M. Grueso
photo_camera Chapapote do Prestige nunha praia galega. (Foto: Stéphane M. Grueso)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha serie de iniciativas na Cámara Baixa para reclamar ao Goberno estatal, en colaboración coa Xunta, que inicie os traballos para o tratamento dunhas 10.000 toneladas de residuos do Prestige que, 20 anos despois, "seguen almacenados nunha balsa de augas" nas Somozas.

Para os nacionalistas, é "inaceptábel" que pasadas dúas décadas "haxa cuestións de índole ecolóxica e de tratamento de residuos que continúan sen resolverse". O BNG lembra que o afundimento do buque na costa de Muxía tinguiu de negro todo o litoral do país, especialmente a Costa da Morte, hai 20 anos.

Toneladas de fuel foron vertidas ao mar por este barco e provocaron unha mobilización social "histórica" de miles de persoas voluntarias, que recolleron estes residuos coas súas propias mans.

Das 90.000 toneladas recollidas, arredor de 60.000 foron almacenadas nas instalacións de Sogarisa (Ferrovial) nas Somozas, das cales 10.000 continúan hoxe sen ser tratadas.

"Até 2006 non se comezou cos traballos de tratamento destes residuos. Con todo, a día de hoxe, aínda permanecen nas Somozas unhas 10.000 toneladas sen tratar, almacenadas nunha balsa de augas pluviais, pendentes de que as súas administracións responsábeis —Estado e Xunta— alcancen un acordo", denunciou Néstor Rego, quen urxe este pacto.

O deputado nacionalista incidiu en que "é hora de proceder ao tratamento das 10.000 toneladas de residuos almacenados" nas Somozas. Neste senso, lembrou que organizacións ecoloxistas como Adega subliñan que a Lei de residuos contaminados obriga a tratalos nun prazo máximo de seis meses, polo que de non facerse xa, "estaríase a incumprir a legalidade estabelecida".

Comentarios