Santiago de Compostela

BNG e CA negan división no Goberno a raíz dos proxectos para a Casa do Matadoiro, cuxo derrube pon o PSOE como liña vermella

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, reivindica un Goberno "unido e que funciona" a pesar de diferenzas con Compostela Aberta sobre o futuro da antiga Casa da Xuventude. O proxecto de derrube, defendido en campaña polo BNG, suporía que o PSOE vote en contra dos orzamentos municipais, advirten os socialistas.
Antiga Casa da Xuventude de Santiago, na praza do Matadoiro.
photo_camera Antiga Casa da Xuventude de Santiago, na praza do Matadoiro.

A Casa da Xuventude ou do Matadoiro, situada na praza homónima, saltou de novo esta semana á primeira liña da política compostelá. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, avanzou esta terza feira a súa intención de non asinar o pacto alcanzado coa Deputación da Coruña polo anterior Goberno, liderado polo socialista Xosé Sánchez Bugallo, para rehabilitar o inmóbel e cedelo á institución provincial durante 25 anos. O proxecto do Bloque non é novo, pois xa o avanzou en campaña: derrubar o deteriorado edificio, restaurar o espazo e abrilo ao parque de Belvís. Esta proposta, porén, bate cos intereses dos seus socios de Compostela Aberta, que defenden a rehabilitación.

Desde as filas da oposición, PP e PSOE apresuráronse a cargar contra o Goberno de coalición falando de "crise interna" e mesmo, en palabras do portavoz do PP, Borja Verea, "goberno en descomposición". Iso a pesar de que o propio Verea prometeu tamén en campaña demoler a Casa do Matadoiro e conectar a praza con Belvís.

E lonxe de escenificar esa división albiscada por socialistas e populares, tanto Sanmartín como a súa tenenta de alcaldesa, María Rozas, defenderon esta cuarta feira a súa cohesión. "Aquí hai un goberno unido, que funciona, que vai continuar traballando por Santiago de Compostela", afirmou a rexedora, que enmarcou na "normalidade" o feito de que haxa "algunha cuestión pequena" na que as dúas forzas teñan posturas "non coincidentes".

"O caso é que aquí hai xente que está afeita a que ninguén poida opinar diferente, a que todo o mundo ten que opinar igual, e iso creo que pasou á historia", engadiu, ao tempo que fixo especial énfase en que "non pasa absolutamente nada" porque BNG e CA non coincidan neste asunto concreto. "Decidimos non asinar o convenio, iremos a outro escenario e, por tanto, conforme vaiamos tendo eses informes técnicos, porémolos enriba da mesa, e veremos cales son os pasos. Pero a nosa intención é ir a ese escenario de abrir Belvís ao conxunto da poboación e poder ter unha praza", sentenciou.

Na mesma liña, a líder de CA salientou ante os micrófonos da Cadena SER que son "dúas forzas diferentes no Goberno" e, polo tanto, teñen "posturas diferentes nalgunhas cuestións". "En moitas chegamos a acordos, e nesta non; é a democracia", apuntou.

Para María Rozas, "sorprenden as críticas do PP", pois "tamén quere derrubar a Casa da Xuventude". E, no caso do PSOE, "tivo fácil evitar a situación", dixo, entrando no Goberno após os comicios do pasado 28 de maio, unha porta que abriron tanto Bloque como CA: "Seriamos dúas forzas a favor de rehabilitar o edificio".

Liña vermella do PSdeG

O grupo socialista subiu o ton e esta cuarta feira vencellou o proxecto de Sanmartín para a Casa do Matadoiro cos orzamentos para o vindeiro ano, que non apoiarán, advertiu o edil Gonzalo Muíños, se inclúen esta partida: "A alcaldesa obvia a dependencia doutras forzas", asegurou, e advertiu que o PSdeG "non vai dar un cheque en branco".

"A coincidencia de intereses do PP e do BNG empeza a ser algo máis que unha coincidencia", censurou a concelleira Mercedes Rosón, apuntando á posibilidade de que haxa "máis inestabilidade" no Goberno local a raíz desta cuestión.

Sobre a posíbel negativa dos socialistas a votar a favor das primeiras contas de Goretti Sanmartín á fronte da cidade, a alcaldesa tentou quitarlle ferro: "Sentaremos co PSOE e falaremos con eles sobre este e outros temas. Estou segura de que chegaremos a algún acordo".

Ante as acusacións de actuar de forma "autoritaria" ao respecto, lembrou que levaba esta medida no seu programa de campaña e, ao mesmo tempo, censurou o convenio coa Deputación: "Quen actúa desa maneira, a poucas semanas dunhas eleccións presenta un proxecto sen acordar e sen falar con ninguén... está con moi pouca lexitimidade para facer ningunha crítica ao respecto".

Comentarios