Xustiza

O Constitucional admite a trámite o recurso de Moncloa contra a Lei do litoral, que queda en suspenso

Os 31 artigos do texto desenvolvido polo Goberno de Alfonso Rueda fican suspendidos temporalmente ao abeiro do recurso de inconstitucionalidade interposto polo Executivo español.
A sede do Constitucional, fotografada esta mesma quinta feira. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Sede do Tribunal Constitucional en Madrid. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O Tribunal Constitucional vén de admitir a trámite o recurso do Goberno estatal contra a Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral da Galiza, á vez que suspende parcialmente a súa aplicación, segundo informa esta segunda feira a corte de garantías. O Parlamento galego aprobou o texto o pasado xullo unicamente cos votos a favor do PP e a abstención de BNG e PSdeG, e contempla a asunción por parte da Xunta das competencias en xestión do espazo marítimo terrestre.

O Goberno galego defende que ditas competencias están definidas no Estatuto de Autonomía, pero Moncloa cre que a lei "invade competencias estatais" en distintos ámbitos, até o punto de incorporar "de maneira unilateral" o mar ao territorio da Galiza. "É un recurso moi amplo porque impugna até 31 artigos desta lei, o que supón un 40% da mesma", explicaba o pasado 10 de outubro a ministra portavoz do Executivo, Isabel Rodríguez, para engadir que o obxecto é "declarar inconstitucional todos estes artigos", "co aval do Consello de Estado" que emitiu un informe o pasado 21 de setembro.

Desde o equipo de Pedro Sánchez sosteñen que a lei galega "se apropia de competencias exclusivas do Estado para regular o réxime xurídico do dominio público marítimo terrestre", con "reiterada doutrina do Tribunal Constitucional ao respecto". O Executivo estatal argumenta que a norma "incorpora de maneira unilateral o mar ao territorio galego" e "reduce a protección dos terreos contiguos á ribeira do mar". "As comunidades autónomas poden ir máis aló da protección do litoral, pero nunca ir a menos na protección das súas costas", remarca. Aliás, indica que "Galiza se atribúe competencias propias que non estaban previstas no seu Estatuto".

Segundo o Goberno español, os problemas de constitucionalidade que presenta o articulado desta lei autonómica sitúanse ao redor de cinco eixos fundamentais: apropiación da competencia exclusiva do Estado para regular o réxime xurídico do dominio público marítimo terrestre; inadecuación á normativa estatal básica sobre as limitacións da propiedade sobre os terreos contiguos á ribeira do mar; o mar territorial non forma parte do territorio dunha comunidade; a "xestión dos títulos de ocupación" non se pode asumir directamente por unha comunidade autónoma a través dunha lei —destaca que comunidades como Catalunya, Illes Balears, Andalucía e Canarias reformaron os seus estatutos para asumir novas competencias—, así como a infracción da competencia estatal exclusiva sobre pesca en augas exteriores.

No seu día, ao coñecerse o recurso, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificouno de "broma" nun momento, dixo, "coa que está a caer" en Catalunya. En días posteriores as súas queixas dirixíronse a que Galiza descoñecía o informe do Consello de Estado no que se baseaba ese recurso, alén de afear a "falta de negociación" por parte do Executivo estatal. O Constitucional estudará agora o fondo do asunto e, mentres tanto, suspendeu a vixencia e aplicación dos preceptos impugnados, desde a data de interposición do recurso —11 de outubro de 2023— para as partes e desde o día en que apareza publicada a suspensión no BOE para terceiros.

Así o acordou o pleno, pois o Goberno invocou no seu recurso o artigo 161.2 da Constitución, que prevé que as impugnacións do Executivo central contra disposicións e resolucións adoptadas polas comunidades autónomas poidan quedar en suspenso, se así se pide. En concreto, o presidente do Goberno recorreu, entre outros, diversos apartados dos artigos 1,2,3,11,12, 21, 22, 23, 24, 25, 27, 29, 34, 35, 36, 40, 41, 46, 48, 49, 52, 53, 55, 57, 58, 59, 60, 62 e 64 da citada norma.

Recurso contra a Lei de acompañamento

Anteriormente, o TC xa admitira a trámite o recurso do Goberno contra os artigos 10 e 11 e a disposición transitoria primeira da Lei galega de acompañamento aos orzamentos para 2023 e suspendeu estes artigos relativos a normativa de costas, os cales rebaixaban a 15 anos o prazo de obrigatoriedade para a restitución de obras ilegais en dominio marítimo-terrestre.

O Goberno alega que os citados artigos poderían vulnerar as competencias do Estado para a determinación do réxime xurídico do dominio público marítimo-terrestre (artigo 132.2 da Constitución) e a lexislación básica en materia de protección do medio ambiente litoral (art. 149.1.23ª).

Comentarios