O Goberno español confirma a condonación da débeda pública galega acordada co BNG

As críticas do PP obvian o acordo entre o BNG e o PSOE para que a débeda galega sexa condonada independentemente do uso do FLA.
María Jesús Montero e Ana Pontón, asinando o acordo de investidura esta segunda feira en Madrid (Foto: Nós Diario).
photo_camera María Jesús Montero e Ana Pontón, asinando o acordo de investidura esta segunda feira en Madrid (Foto: Nós Diario).

O acordo arrincado polo BNG ao PSOE para a investidura de Pedro Sánchez incluíu un punto para que a Galiza sexa compensada dunha forma análoga á condonación da débeda a calquera outra autonomía, aínda que a Administración galega non recorrese ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA).

Unha actuación que vén de corroborar a ministra española de Facenda en funcións, María Jesús Montero, que confirmou esta terza feira que o Estado tamén asumirá unha parte da débeda das autonomías que non teñan recorrido ao FLA.

Así o deu a coñecer a tamén 'número dous' do PSOE durante a sesión de control ao Goberno en funcións no Senado, despois de que o senador do PP José Manuel Barreiro lle pedira explicacións sobre este acordo.

Neste punto, Montero defendeu a condonación da que gozará a Galiza, negando á súa vez un "trato de favor" a Catalunya. A pesar diso, o senador popular denunciou que "un acordo entre dous partidos nunca pode suplantar a vontade de 19 Gobernos autonómicos lexítimos", obviando unha vez máis o acordo entre o BNG e o PSOE para que a débeda galega sexa incluída na medida independentemente do uso do FLA.

Por iso, a ministra en función pediu ao PP "que deixe de utilizar ás comunidades para confrontar", insistindo en que a condonación de débeda tamén será aplicábel en autonomías como a galega aínda que non teñan empregado o FLA.

Por outra parte, Montero defendeu unha reforma do sistema de financiamento autonómico que teña como bases "a equidade, solidariedade, autonomía financeira, corresponsabilidade fiscal e lealdade institucional, de ida e volta".

A débeda galega, multiplicada por 2,5

A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento da Galiza, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou que a "nefasta xestión" do PP á fronte da Xunta provocou que "a débeda pública da Galiza se multiplicase por 2,5 sen que iso supuxese a mellora da calidade de vida dos galegos".

Rumbo lembrou que desde a chegada do PP ao Goberno galego en 2009, a débeda pasou de 4.859 a 12.333 millóns de euros até que en 2022 rexistrou o segundo peor dato de toda a serie histórica, e que en só nun ano, entre 2021 e 2022, aumentou 509 millóns de euros.

"Isto supón que a xestión do PP no Goberno galego supuxo que cada galego pasase de 1.752 a 4.565 euros de débeda en só 14 anos", apuntou a socialista no debate dunha moción para coñecer o alcance da débeda total galega, algo que foi vetado pola maioría absoluta do PP.

Comentarios