Goretti Sanmartín blinda a súa investidura con PSdeG e CA e volve abrir a porta a un goberno tripartito

"Uns resultados de 6-6-2 dan boa mostra de que a xente quere que haxa ese acordo, porque creo que o conxunto da poboación de Compostela non entendería outra cousa, piden diálogo da esquerda", defende a alcaldábel do Bloque, que xa ten garantidos os apoios dos socialistas e de Compostela Aberta.
Reunión entre representantes de Compostela Aberta e BNG, esta sexta feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Reunión entre representantes de Compostela Aberta e BNG, esta sexta feira. (Foto: Europa Press)

A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, blindou esta sexta feira a súa investidura logo de que Compostela Aberta confirmase o seu apoio para que acceda ao poder no pleno constitutivo do vindeiro 17 de xuño. Os dous votos dos edís da formación que gobernou a capital galega entre 2015 e 2019, María Rozas e Xan Duro, súmanse aos seis apoios que xa ratificou a socialista Mercedes Rosón esta quinta feira e que garanten a investidura da lista máis votada no espectro da esquerda.

Compostela Aberta convocou para a próxima terza feira unha asemblea na que se sondará a posibilidade de iniciar conversas co Bloque para entrar nun goberno de coalición, que logo tería que ser ratificado de novo se se toma unha decisión positiva. En calquera caso, a formación é a priori máis proclive a que se poidan fechar todos os pactos antes do día 17.

En 2015 Compostela Aberta fora a lista máis votada, con dez edís, e accedeu á Alcaldía ofrecendo un pacto ao BNG, que daquela tiña dous, Rubén Cela e a propia Goretti Sanmartín. A asemblea local da formación nacionalista optou por non integrarse no goberno, que se mantivo en minoría durante todo o mandato, mais apoiou a investidura de Martiño Noriega, que tres anos antes marchara do BNG como alcalde de Teo. Preguntada a respecto dese escenario e sobre se cambiou a situación ou a aprendizaxe, Sanmartín defendeu que "a situación en cada momento é diferente" e incidiu en que "hai uns resultados distintos".

De feito, na entrevista que esta sexta feira publica entre as súas páxinas Nós Diario, e tamén dispoñíbel na edición dixital, a alcaldábel do BNG avoga por sumar forzas para o próximo mandato: "Preferimos un goberno amplo, sólido e estábel. Cremos que é boa a diversidade e cantas máis mans a traballar e construír cidade e concello mellor. A idea é ter unha negociación que dea lugar a un goberno único, liderado por unha nacionalista, que sexa transformador, con prioridades asumíbeis polas tres forzas".

Remar "na mesma dirección"

"Unha lectura que podemos facer facilmente da necesidade de estar nun goberno amplo e estábel con esas 14 persoas —BNG, PSdeG e CA— é moi diferente de que haxa unha maioría que non teña esa estabilidade; é certo que ademais que hai moitas máis urxencias, a nivel político xeral e tamén en Compostela, neste momento concreto", reiterou esta mañá Sanmartín, quen considerou que é "necesario que todo o mundo rememos na mesma dirección" neste momento.

A candidata nacionalista defendeu que o BNG ten "toda esa vontade" de conseguir un goberno "plural e diverso, respectando as diferenzas de cada unha das forzas", mais reiterou que, de non saír adiante unha coalición de goberno —bipartito ou tripartito—, o Bloque "ten un proxecto político claro". "Estamos absolutamente preparadas para gobernar desde o primeiro momento, preferimos facelo con ese goberno amplo e diverso", dixo, pero deixaranse "a pel" desde o primeiro día sexa dunha ou outra maneira.

Goretti Sanmartín apostou por "mirar ao futuro" e evitar os "xa foi" e facer valoracións en "termos de xa foi", á vez que defendeu que ademais de haber unha diferenza moito maior en 2015 fronte á situación anterior, tamén había diferenzas sobre as políticas para desenvolver. "Uns resultados de 6-6-2 dan boa mostra de que a xente quere que haxa ese acordo, porque creo que o conxunto da poboación de Compostela non entendería outra cousa, piden diálogo da esquerda", aseverou.

Pola súa parte, a portavoz de Compostela Aberta, María Rozas, destacou a "cordialidade" desta primeira reunión, da que quedaron emprazadas a unha segunda toma de contacto a vindeira cuarta feira, tras a asemblea local da súa formación. Sobre a súa postura a respecto de entrar ou non no goberno municipal, reservouse esta cuestión a unha opinión asemblearia e dixo claramente que a esta cuestión non vai contestar por ser de índole interna.

Comentarios