Entrevista

Leticia Santos, alcaldesa de Moaña: "Primeiro deron escusas, agora xa nos din directamente que non devolverán as Urxencias"

Como cada domingo desde hai xa case dous anos, a veciñanza de Moaña concentrouse onte de novo diante do centro de saúde, que arrodearon cunha cadea humana, para reivindicar máis unha vez a restitución das Urxencias e o reforzo das ambulancias no municipio, que aínda non recuperou os servizos de atención sanitaria dos que dispuña antes da pandemia. As e os case 20.000 moañeses, pois, teñen que ir até Cangas para que os atenda un médico entre as 15 horas e as 7h da madrugada, pois nese horario o seu centro de saúde fica fechado. 'Nós Diario' conversa coa alcaldesa, Leticia Santos (BNG), sobre a incansábel loita de Moaña que agora encadea xa cen semanas consecutivas de protestas.
A alcaldesa nacionalista Leticia Santos. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A alcaldesa de Moaña, a nacionalista Leticia Santos. (Foto: Nós Diario).

—Este domingo a veciñanza volveu mobilizarse para exixir a recuperación do servizo de Urxencias, e xa van cen consecutivos. Entendo que foi unha xornada especial pola efeméride e que se puido sentir no ambiente.
Si, foi unha concentración multitudinaria para facer unha gran cadea humana e rodear a Casa do Mar —onde se ubica o centro de saúde—, e conmemorar así cen semanas consecutivas de loita. Para nós o ideal sería que nunca tivésemos chegado a isto. O que queremos visibilizar é que, por máis tempo que pretendan que agardemos, non nos imos render e seguiremos defendendo que Moaña ten que ter un servizo de Urxencias propio e o seu PAC na Casa do Mar, e non desprazado a Cangas como na actualidade.

—Nalgunha convocatoria chegaron a reunirse 4.000 persoas... nun municipio de menos de 20.000. Como valora a resposta da incansábel veciñanza moañesa durante case dous anos de protestas ininterrompidas?
A xente maniféstase masivamente cada certo tempo, para tamén manter o movemento vivo, e sempre responde dunha forma moi contundente. E para ter unha actividade constante fanse tamén as concentracións, que xuntan igualmente centos de persoas. Hoxe si eramos moita máis xente que en calquera concentración normal dos domingos, a xente dálle moita importancia a esta loita. Sempre que poden, súmanse. O que si che podo garantir é que a mobilización nunca vai a menos, que sempre hai xente concentrándose de forma contundente, e cando se fan cousas máis especiais como hoxe, acode aínda máis xente.

Vemos que non se trata de que a nosa Casa do Mar non cumpra os requisitos para atender as urxencias, é que a Xunta non quere ou non ten dispoñibilidade

—Moaña perdeu as Urxencias nos inicios da pandemia, co confinamento, e pasados máis de tres anos aínda non recuperou o servizo. Vostede ten comentado en reiteradas ocasións a imposibilidade de reunirse co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mais si cos responsábeis da Xerencia da área sanitaria de Vigo —á que pertence Moaña—. Que lle transmiten a día de hoxe para xustificar que se sigan a derivar as urxencias a Cangas?
Trasladan que non nos van devolver as Urxencias, que están concentradas en Cangas. E que, até que teñamos o novo centro de saúde construído, non nos van traer o servizo. Primeiro deron escusas, agora xa nos din claramente que non teñen interese en devolvérnolas, e nós non o entendemos, por que todos os servizos xa se restabeleceron após a pandemia. Se xa podemos entrar nos hospitais sen máscara, por que non podemos ter as nosas Urxencias en Moaña. Non ten ningún sentido. Ningún sentido máis alá da crúa realidade, que é que ao ter o punto de atención continuada (PAC) de Moaña, composto por unha médica e unha enfermeira, concentrado en Cangas, o que fixeron durante todo o verán foi xogar con que tiñan tres unidades e, entón, realmente moitos días se había urxencias xa non cubrían, e quedaban só dúas unidades para atender os dous municipios. Iso a pesar dos incrementos de poboación que ten esta zona durante o verán.

En vez de reforzar como noutros municipios costeiros, aquí foi ao revés. Se había urxencias no PAC, ao ter o noso concentrado alí xa non reforzaban. Esa é a crúa realidade. Entón, realmente o que vemos aquí non é que a nosa Casa do Mar non cumpra os requisitos para atender as urxencias —como fixo até a súa supresión en abril de 2020—, senón que a Xunta non quere, ou non ten dispoñibilidade. Non sei se é falta de vontade ou de capacidade, pero a realidade que padecemos é que moitos días que tiñan que estar os tres equipos no PAC non están, están dous. Esa é a realidade. Están intentando cubrir co PAC de Moaña as dificultades que teñen para cubrir as ausencias. E nós iso non o imos aceptar, nós o que queremos é ter o servizo en Moaña.

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, avanza que o municipio "non se renderá" e seguirá mobilizándose até recuperar as Urxencias. (Foto: Nós Diario)
A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, avanza que o municipio "non se renderá" e seguirá mobilizándose até recuperar as Urxencias. (Foto: Nós Diario)

—Que supón para a veciñanza moañesa ter as Urxencias derivadas en Cangas?
Telo en Cangas ocasiona moitísimo trastorno para a maior parte da poboación, en especial para aquela que non dispón de medios de transporte propios e que depende para moverse do público ou de que alguén a poida acercar. E non é o mismo acercarte a Moaña que ter que acercarte a Cangas. E unha cuestión, ademais, que é tamén totalmente irracional, o desprazamento do PAC a Cangas, pois Moaña está máis perto dos hospitais que Cangas.

Un exemplo: unha persoa que viva coma min na parroquia de Meira, desde onde chegar ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo leva 20 ou 25 minutos. Chegar a Cangas ao PAC, un cuarto de hora ou 20 minutos. Se tes que ir até Cangas para que te acaben derivando ao hospital, perdeches todo ese tempo. E dinche, "non, pero vostede pode elixir, pode ir directamente ao hospital". Si, e colapsamos as Urxencias hospitalarias, moi razoábel...

A xente da parroquia de Domaio, aínda peor, porque está ao lado da ponte de Rande e en menos de cinco minutos crúzana e xa están máis perto dos hospitais que de Cangas. Non ten ningún sentido que o punto máis afastado dos hospitais sexa o punto de referencia das Urxencias, para logo ter que desandar ese camiño. Non está ben pensado loxisticamente.

E isto pasa tamén coas ambulancias: se teñen que levarte até Cangas e logo acaben derivando ao hospital, hai un atraso. Se teñen que ir até Cangas a coller un equipo médico e logo vir atenderte a Moaña, hai un atraso. Se a de Moaña xa te vai atender directamente pero fai falla que veñan médicos desde Cangas e se active app de atención médica nunha emerxencia, teñen que vir ou en taxi ou a ambulancia de Cangas traelos, entón en vez de estar ocupando unha ambulancia estamos ocupando dúas. E por iso nós xustificamos a cuestión tamén do reforzo das ambulancias, que tamén nos negan.

Se non nos queren ver na rúa, se lles molesta, que nos devolvan as Urxencias; teñen eles a tixola polo mango

—Após cen semanas consecutivas mobilizándose, que máis se pode facer para tentar recuperar o servizo? Que outras propostas ten o seu Goberno para o presente mandato, no que a veciñanza ademais lle deu a maioría absoluta nas eleccións do pasado maio?
Desde o Goberno local, e xa non só nós, pois temos unha Mesa da Sanidade na que están representados todos os grupos da corporación —e toda a actividade que se fai a nivel institucional e de protestas está organizada desde a propia Mesa—, seguiremos defendendo en todos os estamentos a volta das Urxencias. Xa o facemos habitualmente con traballo institucional, levando mocións e declaracións institucionais ao pleno e trasladándoas logo ao Parlamento galego ou a Xunta, para que saiban que en Moaña seguimos sen Urxencias, que sexan conscientes do que nos están facendo pasar.

E, ademais diso, seguiremos tamén pola vía da protesta, porque non nos queda outra. Se non nos queren ver na rúa, que ás veces parece que lles molesta que sigamos mantendo o movemento da mobilización, que nos devolvan as Urxencias. Teñen eles a sartén polo mango.

Comentarios