Pontón asinará coa ministra de Facenda o acordo que compensará Galiza se lle é condonada a débeda a algunha autonomía

A falta da aprobación dun novo modelo de financiamento autonómico, cuxa ratificación está prevista para o comezo da lexislatura, o BNG e o PSOE adoptan no seu acordo diversas medidas para aliviar a débeda galega, que os Executivos do PP elevaron a máximos históricos en 2023 ao sumar 12.333 millóns de euros.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Europa Press)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasládase esta segunda feira a Madrid para asinar coa ministra de Facenda do Goberno español, María Jesús Montero, o acordo que compensará Galiza no caso de serlle condonada a débeda a algunha autonomía.

Este acordo, que facilitará a investidura do actual presidente en funcións do Goberno estatal, Pedro Sánchez, foi alcanzado entre nacionalistas e socialistas e conta con diversos compromisos cara á Galiza para esta lexislatura.

No caso concreto da débeda pública galega, o acordo fixa unha redución da mesma e nunha proporción idéntica que a acordada para Catalunya no pacto asinado entre Pedro Sánchez e ERC. Neste sentido, os dirixentes do BNG e do PSdeG destacaron nas súas comparecencias da sexta feira, cando se fixo público o acordo, a importancia desta decisión para sanear as contas da Xunta da Galiza.

Porén, o mandatario galego, Alfonso Rueda apuntouse ás directrices do presidente do PP español, Alberto Núñez Feixoo, de cargar contra os acordos asinados polo PSOE para garantir a investidura de Sánchez.

Modelo de financiamento

A falta da aprobación dun novo modelo de financiamento autonómico, cuxa ratificación está prevista para o comezo da lexislatura, o BNG e o PSOE adoptan no seu acordo diversas medidas para aliviar a débeda galega, que os Executivos do PP elevaron a máximos históricos en 2023 ao sumar 12.333 millóns de euros.

Neste sentido, acórdase “en caso de condonacións totais ou parciais da débeda adquirida polas comunidades autónomas adheridas ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), estabelecemento de medidas compensatorias análogas para a Galiza, no marco das compensacións a aquelas polas comunidades que non fixeron uso do FLA”.

Porén, Rueda, que prestou tamén na sexta feira unha declaración institucional, sinalou que o acordo de financiamento formulado polos socialistas “permite adiviñar un novo agravio para Galiza”.

Axenda galega

Ana Pontón, valorou na sexta feira de modo moi positivo o acordo. Nesta liña, reivindicou que a súa formación foi capaz de "impulsar" a "axenda galega" en Madrid e que é a "forza" do BNG a que permite a Galiza estar nos debates. Nesta liña, lamentou que o presidente da Xunta volvera saír publicamente "enfadado" e que, en lugar de traballar na dirección dos nacionalistas, se sitúe aos "ditados de Xénova".

Comentarios