"O PP queda invalidado no plano político": polémica nas redes cun asasinado por ETA de fondo

O PSdeG lembra a Ernest Lluch, asasinado por ETA, e o PPdeG ve "melancolía impostada" polos acordos con Bildu.
O polémico chío do PP da Galiza.
photo_camera O polémico chío do PP da Galiza.

O deputado do PSdeG-PSOE no Parlamento da Galiza Julio Torrado lembrou esta terza feira, tanto nunha intervención na propia Cámara como nas súas redes sociais, o asasinato do ex ministro socialista de Sanidade Ernest Lluch a mans de ETA hai exactamente 23 anos, o 21 de novembro do 2000. Torrado compartiu no seu perfil da rede social X e leu no hemiciclo un artigo escrito por el mesmo no ano 2018, fai cinco anos, no Diario de Arousa rememorando a figura de Lluch e enxalzando a súa capacidade de diálogo.

Isto xerou a reacción do PP da Galiza, que a través da súa conta en X criticou a "melancolía impostada" dos socialistas por denunciar ese atentado mentres "aplauden os pactos de [Pedro] Sánchez con Bildu". Este enfrontamento, iniciado en redes sociais, trasladouse tamén ao pleno do Parlamento galego de hoxe. Durante o debate dunha moción dos socialistas sobre saúde mental, Torrado tentou ler o mencionado artigo.

Con todo, nese momento xerouse un balbordo na bancada dos populares con diversos comentarios. Desde o grupo socialista denunciaron que no hemiciclo escoitáronse berros tales como "a culpa é vosa" ou "pactades cos seus asasinos". Tras esta "algarabía", Julio Torrado parou a lectura —finalizouna nunha posterior intervención— e díxose "moi sorprendido" polo que acababa de ocorrer, porque esperaba que fosen "un pouco máis respectuosos".

"A Presidencia [do Parlamento] vai facer como que non escoitou nada. E creo que fai ben", remachou o socialista, en referencia á vicepresidenta primeira, Elena Candia (PP), que dirixía o pleno. Posteriormente, na súa conta de X, Torrado compartiu o vídeo da súa intervención e denunciou que recibiu "comentarios desmedidos" desde a bancada popular.

Sobre esta polémica tamén se pronunciou en redes sociais a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen advertiu: "En política non todo vale, pero o Partido Popular fai moito tempo que decidiu cruzar todas as liñas de decencia".

Comentarios