Consello da Xunta

A Xunta non aumenta o seu complemento ás pensións non contributivas malia subir os alimentos 7,2% no último ano

O Consello da Xunta desta quinta feira aprobou o pago do complemento autonómico ás pensións non contributivas, unha prestación que reciben ao redor de 37.000 persoas na Galiza. Serán 218 euros, os mesmos que percibiron en 2023, mais recibiranos antes. Se até 2022 ese anuncio realizábase en decembro e en 2023 foi en marzo, este 2024 o presidente do Goberno galego fíxoo a 1 de febreiro, nas portas do arranque da campaña electoral.
Alfonso Rueda preside o Consello da Xunta. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).
photo_camera Alfonso Rueda preside o Consello da Xunta. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).

As 37.000 persoas perceptoras na Galiza da pensión non contributiva (PNC) van recibir nestas semanas os 218 euros cos que a Xunta da Galiza complementa esta prestación estatal. Así o anunciou esta quinta feira o presidente galego, Alfonso Rueda, após a xuntanza semanal do Goberno galego. Unha cantidade, 218 euros, que é a mesma que as perceptoras recibiron en 2022 malia que a inflación aumentou en 3,2% durante o ano pasado —cun incremento nos alimentos de  7,2%—. 

Mais se non muda a cantidade do complemento autonómico o que muda é a data de anuncio e, consecuentemente, a do ingreso nas contas deses 37.000 perceptores nun pago único e de forma automática. Alfonso Rueda anunciou esta quinta feira, 1 de febreiro, horas antes do arranque oficial da campaña electoral cara ao 18 de febreiro; o pagamento do complemento. Un anuncio que noutros anos os titulares da Xunta nunca facían a estas alturas do ano.

A orixe deste complemento dirixido a persoas con baixos recursos data de 2009, co impulso do daquela vicepresidente da Xunta Anxo Quintana, no Goberno galego de PSdeG e BNG. Naquela altura, o complemento beneficiou con 200 euros máis de 50.000 persoas. Ese mesmo ano chegou Alberto Núñez Feixoo á Xunta e do borrador de orzamentos da Xunta para 2010 desapareceron as partidas para o complemento da pensión. 

Logo, Feixoo rectificou e foi dando continuidade á medida anualmente, mais manténdoa practicamente intacta na súa contía. A pesar do incremento do IPC neses anos, o complemento da pensión só experimentou  subas: pasou de 200 a 206 euros, en 2011; e en 2023 pasou a 218 euros. Mais o IPC desde 2009 até agora aumentou en ao redor de 25%.

Tres anuncios para tres institucións do PP

O presidente galego e candidato do PP nas eleccións do 18-F informou esta quinta que non responderá durante as roldas de prensa posteriores ao Consello da Xunta a preguntas fóra dos acordos adoptados na reunión do seu Goberno mentres dure a campaña para o 18 de febreiro. Farao, segundo sinalou precisamente na súa habitual comparecencia ante a presa após o Consello, para non incorrer en mensaxes que poidan ser considerados como electoralistas, algo que apreciou xa a Xunta Electoral tras unha denuncia presentada polo PSdeG.

Nesa comparecencia Rueda anunciou a sinatura de tres acordos con tres institucións: o Concello de Ferrol e as Deputacións de Pontevedra e Ourense, as tres gobernadas polo Partido Popular.

No primeiro deles, autorizouse un investimento de 18 millóns de euros (50% a conta da Xunta e o resto polo Goberno local) para a mellora de infraestruturas en Ferrol, para "consolidala como cidade do deporte", dixo Alfonso Rueda. O acordo coas deputacións de Ourense e Pontevedra é en materia de labores de loita contra os incendios e elévase a máis de 7 millóns de euros.

Novas axudas a retornados

Rueda tamén anunciou que se  aprobara unha nova convocatoria de axudas para emigrantes retornados a Galiza, nesta volta por un importe de un millón de euros. Outra convocatoria de axudas anunciada por Rueda após a xuntanza do Goberno foi a de destinar 1,2 millóns a entidades sen ánimo de lucro que traballan con persoas con trastornos mentais. O Executivo galego tamén deu esta quinta feira o visto e prace a unha nova convocatoria de axudas para centros especiais de emprego. 26 millóns de euros para 130 destes centros. Outras axudas aprobadas foron por importe de 4,4 millóns de euros e destinadas a obradoiros artesanais.

Un acordo para "blindar" a propiedade intelectual dos proxectos de alumnado e profesorado da FP foi outro dos acordos alcanzados na reunión en San Caetano. 

Comentarios