Sánchez Izquierdo minimiza as 75 denuncias formuladas contra a CRTVG neste ano

O conflito aberto nos medios públicos desde o retorno do PP á Xunta da Galiza en 2009 centrou onte o debate no Parlamento. Odirector da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, restou importancia ás súas frontes xudiciais. Na primeira semana de febreiro, declarará como investigado por acoso laboral.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento da Galiza o pasado maio. (Foto: Arxina)
photo_camera O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento da Galiza o pasado maio. (Foto: Arxina)

O director xeral da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu onte no Parlamento para dar conta das últimas resolucións xudiciais que cuestionan a política en materia de persoal do ente público. A presenza do máximo responsábel da compañía na Cámara fíxose efectiva só unhas semanas despois de que o Tribunal Supremo (TS) confirmara unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) de abril de 2022 que confirmaba a ilegalidade da práctica totalidade dos contratos de alta dirección da CRTVG.

Sánchez Izquierdo desembarcou no Parlamento 15 días despois de que se coñecera que o Xulgado de Instrución número 1 de Santiago de Compostela citara a declarar como investigados oito directivos e cargos intermedios da CRTVG. Os mesmos, entre os que se atopa o propio director xeral do ente público, son sinalados como "presuntos autores dun delito de acoso moral e dun delito contra os dereitos dos traballadores”. Nesta liña, o órgano xudicial fixa a súa declaración a partir de 31 de xaneiro de 2024, en plena precampaña  das eleccións galegas.

O máximo responsábel dos medios de comunicación públicos tentou restar importancia ás últimas resolucións xudiciais que afectan a CRTVG, á situación de conflitividade interna dentro da compañía e ás denuncias de manipulación informativa formuladas polos propios traballadores e traballadoras da empresa. A este respecto, Sánchez Izquierdo recoñeceu que no último ano o ente público recibiu 75 demandas na xurisdición do social mais asegurou que se atopan por baixo de 100, co que "francamente non me atopo cómodo, pero encáixoo dentro dunha cultura de reclamacións fronte aos tribunais á que está moi afeita a casa”.

Un auto do Tribunal Supremo

Sánchez Izquierdo referiuse a un auto do TS que sinalaba que 30 integrantes da alta dirección da CRTVG atopábanse en fraude de lei. En relación a esta resolución xudicial, que foi avanzada en exclusiva por Nós Diario o pasado 10 de novembro, asegurou que “a actuación que dá orixe a esta sentenza non foi unha situación laboral creada por este director xeral” e apuntou que a sentenza “non cuestiona a legalidade da estrutura directiva, da organización", aínda que si declara como "relación laboral común a dun posto configurado coa condición de persoal directivo da CRTVG".

As afirmacións do presidente do ente público chegaron tras unha intervención da deputada nacionalista Olalla Rodil. Esta lembrou, diversas sentenzas contra a dirección da CRTVG e “outras por vulnerar o dereito á folga impoñendo servizos mínimos excesivos, contratar traballadoras e traballadores facendo esquirolaxe na folga feminista do 8 de Marzo ou diversas sentenzas condenatorias por negar os dereitos de conciliación do cadro de persoal, a última feita firme polo Tribunal Supremo en xuño de 2023”.

A parlamentaria socialista, Noelia Otero, denunciou “traslados forzosos” dentro da compañía como unha “nova represalia”. Nesa dirección, asegurou que “este traslado súmase aos producidos e denunciados nas últimas semanas de profesionais con dilatada e contrastada experiencia que se negaron a manipular a favor do Partido Popular”. A este respecto, lembrou que “esta é unha das razóns das mobilizacións e calendario de folga convocado na CRTVG. Tal é a situación e o clima laboral de persecución que xa quedara acreditado nunha sentenza do TSXG que ratifica en firme unha sentenza anterior constatando a existencia de 'represalias' censura e vulneración dos dereitos fundamentais dun traballador pola defensa da súa independencia e posición no movemento Venres Negro contra a manipulación da CRTVG”.

Comité da CRTVG

As críticas pola manipulacións no ente público chegaron onte da man do Comité Intercentros da CRTVG. Neste sentido, nun comunicado advertiron que tanto a TVG como a Radio Galega “abandonaron todo respecto polas mínimas normas deontolóxicas do xornalismo e reproducen sen pudor en cada informativo un ideario calcado de arriba a abaixo, sen fisuras e cunha tendencia partidista evidente, de xeito que a CRTVG, traizoando as súas encomendas de servizo público, funciona só como o máis eficaz órgano de propaganda do partido que goberna”. Nesa dirección, exemplificaron a manipulación  no tratamento do conflito na Faixa de Gaza.

A representación sindical do cadro de persoal da CRTVG solicitou, tamén, xuntanzas co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os líderes da oposición, Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG) para renovar a dirección do ente público. Asemade, reclamou a "intervención urxente" da Xunta de Galiza e do Parlamento galego para pór fin a unhas prácticas “incompatíbeis coa prestación do servizo público que o ente ten ditado por lei, nomeadamente unha manipulación informativa que consideran xa un gravísimo delirio partidista”.

A denuncia na Eurocámara

As novas críticas contra a manipulación na CRTVG coñecéronse onte, mesmo día en que o Parlamento Europeo rexeitou investigar a liña informativa do ente público. A eruodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou onte “a pinza executada entre o PP, Vox e Ciudadanos para impedir que a Comisión de Peticións debata a denuncia presentada hai uns meses por traballadores e traballadoras da CRTVG sobre a manipulación informativa na canle pública galega”.

Alfonso Sánchez Izquierdo, o duro final “dun soldado" de Núñez Feixoo

Alfonso Sánchez Izquierdo chegou á dirección da CRTVG en 2009. Malia que Alberto Núñez Feixoo anunciou repetidamente ao longo daquela campaña electoral a intención de pór en marcha uns medios independentes e a súa disposición a acordar os órganos de dirección co resto das forzas parlamentarias, a promesa durou pouco. O novo responsábel dos medios públicos galegos foi escollido cos votos dos deputados e deputadas do Partido Popular, após un breve período de conversas cos socialistas de Pachi Vázquez e sen consultar o BNG.

O director da CRTVG actuou durante estes 14 anos, en opinión dos grupos da oposición, como "o máis fiel soldado" de Feixoo. Neste sentido, acúsano de traballar aos ditados do anterior presidente da Xunta e da súa secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra, quen abandonou as súas responsabilidades na Galiza para acompañar o líder popular en Madrid.  Nesta dirección, onte mesmo o Comité intercentros da CRTVG criticábao por converter a TVG e a Radio Galega en meros “instrumentos de partido”, denunciando unha liña editorial situada nas posicións ideolóxicas da dereita máis extrema.

O tempo de Sánchez Izquierdo é o tempo de Feixoo.Fontes próximas ao director xeral da CRTVG sinalan que non continuará á fronte da compañía na seguinte lexislatura e que así llo ten transmitido a Alfonso Rueda. Porén, o seu final á fronte dos medios públicos non será tranquilo, pois diante súa ten un duro percorrido xudicial, cun capítulo decisivo na primeira semana de febreiro.

Comentarios