As reaccións á ameaza de Abascal a Sánchez: "O pobo quererá colgalo dos pés"

Feixoo condena as palabras do líder de Vox mais acusa o PSOE de estar detrás desa "estratexia".
O líder do ultraespañolista Vox, Santiago Abascal, desde a tribuna de oradores do Congreso. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera O líder do ultraespañolista Vox, Santiago Abascal, desde a tribuna de oradores do Congreso. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

Santiago Abascal cre que "haberá un momento no que o pobo quererá colgar dos pés" o presidente do Goberno español, o socialista Pedro Sánchez. Así o manifestou este domingo nunha entrevista no diario arxentino Clarín, coincidindo coa súa visita ao país para asistir aos actos de investidura do líder ultradereitista Javier Milei. E a súa formación, Vox, fecha hoxe filas arredor del e xustifica estas polémicas palabras que desde Moncloa cualificaron de "extraordinariamente graves" por constituíren un "delito de odio".

Para o secretario xeral do partido español de extrema dereita, Ignacio Garriga, non hai "odio" ningún na mensaxe trasladada por Abascal, senón que unicamente "lembra a sorte de moitos ditadores" que tiveron ese final, facendo alusión ao líder fascista italiano Benito Mussolini. Garriga aproveitou para cargar contra o Partido Popular por "asustarse" e "engurrarse" ante os socialistas logo de que o seu presidente, Alberto Núñez Feixoo, condenase estas polémicas e ameazantes palabras... mais sen perder a oportunidade de criticar tamén de volta o propio Sánchez: "Esta é a estratexia deseñada polo PSOE e polo señor Sánchez, de construír un 'muro entre as dúas Españas', que parece que lle vén ben ao señor Abascal".

O propio Pedro Sánchez criticou hoxe o partido de Núñez Feixoo por facer "importante" a Vox, ao "abrirlles" as portas das institucións perante senllos pactos de goberno en numerosos concellos e comunidades autónomas como Castela e León ou o Páis Valencià. Ademais, cualificou os ultraespañolistas como un "partido de odio", e considerou que as palabras de Abascal non son un lapsus, senón que pretenden que a política estea monopolizada por este "discurso do odio" e que a cidadanía estea "enfrontada".

A pesar diso, o presidente español insistiu en que "aquí non se está rompendo nada, non se está afundindo nada, non hai esa polarización nin ese odio que trata de inocular no debate público Abascal". Desde o PSOE porfiaron en demandar unha "condena máis contundente" do PP e Sumar foi máis alá exixindo aos populares rachar todos os seus pactos con Vox.

Tamén reaccionou o propio líder ultra, que, lonxe de desculparse por esas declaracións, tachou os de Feixoo de "nostálxicos da derechita covarde". Nunha mensaxe publicada a través de X (antes Twitter), Abascal asegurou que as súas palabras sobre Sánchez son "manipulacións do Goberno e das súas meretrices mediáticas", afeando ao PP que as conteste "coma se fosen realidades".

"E piden perdón á esquerda nada máis empezar a falar", engadiu. "Mellor un muro fronte ao golpe que sentar cos golpistas para negociar políticas, comisións e cadeiras de brazos", insistiu, na citada rede social, antes de afirmar que "condenan a estafa ao pobo español" e mantendo o ton belixerante.

Comentarios