O Día da Depredación Enerxética é un concepto creado polo Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) que pretende visualizar a “enorme dependencia da sociedade galega de enerxía fósil importada”. O uso de enerxía fósil é responsábel, afirma, de 71,1% das emisións galegas de gases causantes de crise climática (2021).
O Ogacli define o Día da Depredación Enerxética como o día do ano no que a demanda de recursos enerxéticos na Galiza iguala a produción de recursos enerxéticos autóctonos, case todos de orixe renovábel (auga, vento e biomasa principalmente e cun peso semellante).
A partir dese día, “a vida social e económica do país paralizaríase totalmente de non ser pola importación masiva de enerxía fósil (petróleo, gas fósil e carbón), procedente maioritariamente do Sur global, Rusia e EUA”
O informe Día da Depredación Enerxética (2021) calcula que os recursos enerxéticos galegos esgotáronse o 1 de abril. Emprega para iso a información oficial sobre o uso de enerxía primaria, isto é, sobre os recursos enerxéticos a partir dos que se obtén a enerxía dispoñíbel para o consumo (combustíbeis, calor, electricidade).
“Os recursos enerxéticos renovábeis galegos obxecto de aproveitamento adóitanse acabar nalgún día de marzo, sendo a primeira vez desde 2010 en que non se esgotan até abril. Pódese supor que en 2024 o Día da Depredación Enerxética acontece realmente nunha data próxima ao 1 de abril. Polo tanto, Galiza dependería tamén este ano de enerxía fósil importada para cubrir a demanda da súa economía durante uns nove meses do ano”.
A enerxía galega renovábel só achega 24,8% de toda a usada na Galiza, afirma a Ogacli. “O aproveitamento dos recursos enerxéticos renovábeis galegos tendeu ao estancamento durante os últimos anos, pero o peso da enerxía primaria galega na total medrou uns seis puntos desde 2018 grazas ao brusco declive no uso do carbón na produción eléctrica. En 2021 o emprego de carbón volveu baixar con respecto ao ano anterior, importándose sobre todo desde Indonesia e Rusia”.
Petróleo e gas fósil
O petróleo é o recurso enerxético máis utilizado no noso país. O uso de cru de petróleo, ligado á actividade da refinaría da Coruña, repuntou un pouco en 2021 despois da caída en 2020 causada pola COVID-19, mentres que o emprego de produtos petrolíferos recuperou en 2021 niveis similares aos previos á pandemia.
As principais áreas de procedencia do petróleo e derivados importados pola Galiza en 2021 foron América do Norte (Estados Unidos, México), o Magreb (Libia, Alxeria) e Rusia.
Desde 2019, o gas fósil, tamén chamado gas natural, é o segundo combustíbel fósil máis usado na Galiza. En 2021 todo o gas natural importado na Galiza foi gas natural licuado transportado en 24 barcos metaneiros descargados na planta regasificadora de Reganosa en Mugardos, procedentes maioritariamente de Rusia (10), Estados Unidos (6) e África (6).
“Para que o Día da Depredación Enerxética sexa cada vez máis serodio é necesario actuar de forma simultánea e decidida en tres grandes frontes: o fin rápido e planificado do sector enerxético fósil (refinaría, regasificadora, centrais de ciclo combinado a gas fósil), o decrecemento xusto do consumo enerxético galego e o desenvolvemento responsábel das enerxías renovábeis a todas as escalas”, indica o Observatorio.