O novo reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, fixou como retos mellorar o financiamento e impulsar a investigación, así como afrontar os novos desafíos coa colaboración e implicación de toda a comunidade universitario.
Fíxoo nun acto decorrido esta terza feira no reitorado coruñés no que Cao tomou posesión do seu novo cargo e que contou coa presenza de autoridades políticas, económicas e sociais, entre elas o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, ou a alcaldesa da cidade, Inés Rei, así como o ex reitor da UDC, Julio Abalde, ou os reitores das universidades de Compostela e Vigo, Antonio López e Manuel Reigosa.
O novo reitor pronunciou o primeiro discurso do seu mandato, afirmando que desenvolverá a súa acción de Goberno baixo o lema que entende a universidade pública feita "por e para todas as persoas".
Cao apelou a captar e reter talento, fomentar a investigación e elaborar uns novos estatutos e abordar cuestións como a relativa aos postos de traballo na UDC. Todo isto nun discurso con demandas dunha "axeitada distribución de fondos".
"Reforzar o sistema"
Ante o contexto das próximas eleccións galegas, que decorrerán o vindeiro 18 de febreiro, pediu aos partidos e ás formacións políticas que escoiten ás universidades para elaborar as súas propostas en materia de financiamento, que aposten pola ciencia, a investigación e a innovación e que estabelezan mecanismos para reforzar o sistema universitario galego.
Antes, e ante as autoridades presentes, Xulio Abalde agradeceu o traballo do seu equipo nestes anos nun proxecto centrado "na defensa dunha universidade pública, galega, de calidade e innovadora".