'Paisaxe da auga: Ribeira Sacra' é o nome da candidatura oficial presentada polo Goberno galego e aprobada de forma unánime polo Consello do Patrimonio Histórico español para que a Unesco valore a súa inclusión na Lista de Patrimonio da Humanidade en 2026.
A proposta da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial fora adiada en 2021. Os argumentos da candidatura inicial defendían a sacralidade da paisaxe histórica, unha iniciativa que motivou, en parte, a constitución da Federación de Asociacións da Ribeira Sacra. A entidade, que integra máis de medio cento de colectivos do territorio, reclamaba entón unha revisión da cartografía da zona para enriquecer o expediente con achegas do patrimonio histórico que ficaban fóra. "Era preciso ter voz nun espazo que, se vai ser Patrimonio Mundial, vai afectar toda a veciñanza", lembra a presidenta da federación, Natalia Figueiras.
Hoxe, fan valer esta voz para cuestionar un cambio que sitúa no centro da candidatura uns "valores senlleiros", en palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura en funcións, que no pasado foron motivo "de descarte" da proposta ante a Unesco.
Natalia Figueiras cita o informe do Comité internacional dos monumentos e os sitios (Icomos) que en 2021 apuntaba o "impacto visual" dos encoros, os parques eólicos e as canteiras a ceo aberto como elementos prexudiciais. "Icomos non ve como as infraestruturas modernas contribúen á proposta", argumentaba entón.
"Centrais hidroeléctricas, encoros e arquitectura industrial do século XX temos en todo o territorio, non só na Ribeira Sacra, tamén na Galiza e no resto do Estado. Como iso pode ser considerado un valor singular e excepcional?", razoa Figueiras. Unha candidatura que escolle 'Paisaxe da auga' como lema, engade, debera procurar "ríos, afluentes, ribeiras impolutas, mais están altamente contaminados".
Temos exemplos de abondo de lugares Patrimonio da Humanidade que morren de éxito, e non pola sona que logran, senón polo turismo de masas
Aparencia vs realidade
Desde a federación amósanse críticos coa candidatura, que ten nove meses para redactar un expediente que xustifique e demostre "que efectivamente a Ribeira Sacra é unha paisaxe excepcional da auga". "Entendemos que hai grandes carencias de argumentos e contidos", conclúe a presidenta da Federación de Asociacións da Ribeira Sacra.
O que preocupa ao conxunto de colectivos é "a realidade do territorio, porque temos exemplos de abondo de lugares Patrimonio da Humanidade que morren de éxito, e non pola sona que logran, senón polo turismo de masas".
Asegura Figueiras que o turismo é sempre "benvido", porque achega riqueza, pero sempre que sexa "sostíbel e non destrutivo". O turismo, explica, non pode agochar todas as carencias que teñen as parroquias da Ribeira Sacra, que avanzan en despoboamento, desamparo do sector primario, dificultades de acceso a unha vivenda, perda de servizos esenciais e desleixo do patrimonio histórico. "Dóenos que a campaña sexa máis de aparencia que de resolver a realidade interna do territorio. As propostas de mellora non existen".