A borrasca Louis vai deixando a Galiza logo dunha fin de semana marcada no meteorolóxico polas intensas chuvias, os fortes ventos e unha baixada das temperaturas que se traduciu no regreso da neve ás comarcas da montaña.
Esta terza feira tan só permanecerá en alerta amarela por ondas a costa nordeste e por vento, con refachos superiores aos 80 km/h, parte das comarcas de Valdeorras, Viana, Terra de Trives, Terra de Caldelas e Allariz-Maceda.
Con todo, o temporal deixou na Galiza no comezo da semana perto de 300 incidencias, a maioría relacionadas con árbores caídas sobre estradas que dificultaban a circulación, como o caso da liña ferroviaria que une A Coruña e Betanzos, que ficou interrompida esta segunda feira debido a un desprendemento. A circulación dos convois foi retomada ao longo do día, tras habilitarse transbordos para as viaxeiras.
O vento tamén condicionou a circulación na A-8, desde o quilómetro 536 en Lourenzá (A Mariña) até o 552 en Abadín (A Terra Chá). Algúns voos que tiñan a súa chegada no aeroporto de Alvedro, na Coruña, tiveron que ser desviados ao aeroporto internacional Rosalía Castro, en Compostela, debido a fortes refachos de vento.
Sen clases
Pola súa parte, as dificultades para circular provocaron a imposibilidade de chegar a varios centros educativos. Así, a neve obrigou a suspender as clases en colexios do Courel (comarca de Quiroga), Pedrafita do Cebreiro (Os Ancares), Baleira (comarca da Fonsagrada), A Fonsagrada e Triacastela.
As nevadas tamén condicionaron a circulación por estrada na A-6, desde o quilómetro 470 ao seu paso por Carballedo (comarca de Chantada) até o 432, en Pedrafita do Cebreiro.
Outras setenta estradas víronse afectadas pola acumulación de neve e a Deputación de Lugo despregou 48 operativos e 32 máquinas e vehículos para paliar os efectos das inclemencias meteorolóxicas na rede viaria provincial, con especial incidencia en Pedrafita e Cervantes.