O conflito do bus urbano de Vigo continúa enquistado após outro encontro entre empresa e persoal sen acordo

Vitrasa e o comité terminan emprázanse a negociar a vindeira sexta feira

Manifestación do persoal de Vitrasa no mes de decembro (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
photo_camera Manifestación do persoal de Vitrasa no mes de decembro (Foto: Pedro Davila / Europa Press).

A concesionaria municipal do transporte urbano do Concello de Vigo, Vitrasa, e o comité de empresa terminaron un novo encontro de mediación sen acordo, polo que se emprazaron a seguir negociando a vindeira sexta feira, día 9 de febreiro.

Segundo informou o presidente do comité, Imanol Arnoso, unha vez máis a reunión desta terza feira finalizou sen alcanzar un pacto para suspender a folga.

Tal como explicou, a Dirección de Vitrasa rexeitou a proposta dos representantes dos traballadores e das traballadoras dunha subida do 3% do IPC para os anos 2021 e 2022, polo que a firma prometeu que fará unha oferta na sexta feira.

Todo iso despois de que a pasada segunda feira levara a cabo un encontro de mediación que terminou con posturas "moi afastadas", polo que se retomou esta terza, co obxectivo de pór fin a unha folga indefinida que comezou a finais de novembro.

Foi a semana pasada cando Vitrasa aceptou de novo esta figura dun mediador que axude a solucionar a situación. Unha vez máis, como xa ocorreu a finais do ano pasado, é unha inspectora de traballo a encargada de intermediar entre empresa e persoal.

Os traballadores e as traballadoras de Vitrasa levan anos protestando pola situación laboral que viven, debido a que o convenio colectivo caducou hai xa tres anos, manténdoselles o salario conxelado desde esa data, pese ao incremento do prezo da vida tras a pandemia e da propia subida dos billetes de bus.

Comentarios