Continua o conflito en Vitrasa: sen avances tras unha nova reunión entre comité e empresa

Vitrasa advirte de que o incremento salarial que pide o comité é "imposíbel de atender" para unha empresa "en perdas"

Autobús da empresa Vitrasa que opera en Vigo. (Foto: Vitrasa)
photo_camera Autobús da empresa Vitrasa que opera en Vigo. (Foto: Vitrasa)

O conflito que afecta a concesionaria do bus urbano de Vigo, Vitrasa, segue enquistado e sen visos de solución, tras unha nova reunión entre empresa e comité, que finalizou sen ningún avance.

Segundo comunicaron os sindicatos, no encontro desta cuarta feira, "Vitrasa presentouse sen ningún tipo de oferta" e limitouse a expor "reproches e desacreditacións" cara o comité, "do mesmo xeito que está a facer o Concello de Vigo nas últimas xornadas".

O órgano de representación dos traballadores e das traballadoras sinalou que a empresa "non acepta" o resultado das últimas asembleas, nas que o persoal votou maioritariamente continuar coa folga indefinida e rexeitar a proposta de negociar a partir dunha subida salarial do 2,5 %, cuestionando que se votou a man alzada, no canto de forma secreta. Ademais, os sindicatos afearon á concesionaria que pretenda "desautorizar" o comité, cando leva "tres anos en conflito pola súa propia negativa a negociar".

Na reunión desta cuarta, o comité trasladou o desacordo do persoal coa última oferta presentada e advertiu de que, para desbloquear a situación de folga indefinida (un paro que se alonga desde o pasado 25 de novembro), é necesario que a oferta "sexa mellorada". "Con todo, a dirección de Vitrasa limitouse a solicitar unha proposta ao comité sen ofrecer nada a cambio", criticaron os sindicatos.

Segundo explicaron, reclamaron a Vitrasa "unha actualización de salarios na mesma porcentaxe que obtivo a empresa coa subida do billete do bus no últimos tres anos, para pór fin así á folga e continuar negociando o resto do convenio". Desta maneira, nos últimos tres anos, o billete ordinario de bus pasou de custar 1,35 a 1,49 euros (e en breve pasará a custar 1,57 euros), e os sindicatos estiman que a perda de poder adquisitivo do persoal sitúase no 16,1 %, xa que levan cos salarios conxelados desde 2020.

Finalmente, o comité volveu criticar que a empresa atópase "cómoda" facturando miles de viaxeiras "coa metade de gasto", mentres espera "un reequilibrio millonario" por parte do Concello, sen importarlle a calidade do servizo ou a perda de poder adquisitivo do persoal.

"Que fará o Concello ante esta situación de Vitrasa? Volverá criticar as traballadoras póndose do lado da empresa? Ou exixirá a Vitrasa sentar a negociar con vontade de chegar a acordos para pór fin a este conflito?", preguntou a representación do persoal.

Posición da empresa

Pola súa banda, Vitrasa emitiu un comunicado no que informa de que volveu pedir desconvocar a folga para recuperar a normalidade e así recuperar viaxeiras, "o único que permitiría mellorar a oferta realizada" porque as usuarias son a "base" dos seus ingresos. "O comité é consciente desta situación, pero prefire seguir adiante cos paros, prexudicando a cidadanía, a empresa e os seus propios compañeiros", lamentou a concesionaria.

Así mesmo, criticou que a suba reclamada polos sindicatos, de máis do 16 %, é "absolutamente imposíbel de atender" por unha empresa que está "en perdas" e insistiu en que "fan a veciñanza de Vigo dunha protesta sen sentido" e sen valorar que teñen "as mellores condicións e o salario máis alto" do sector na provincia.

Vitrasa reiterou a súa oferta de subir os salarios un 2,5 % e o pago dos atrasos de 2023, para seguir negociando "sen folga" e lamentou que o comité aceptou este "preacordo" o pasado xoves "sen condicións" e non foi capaz de defendelo nas asembleas de traballadores, que o rexeitaron e apostaron por seguir coa folga.

Respecto da votación, a empresa afirmou sentirse "enganada" polo cambio de posición do comité, e afirmou que non recoñece ese resultado, porque non se garantiu o "voto libre" e houbo "presións".

Comentarios