Nueva Pescanova propón 82 despedimentos no seu ERE, que afecta filiais de Madrid e Chapela

Foi o pasado 6 de setembro cando Nova Pescanova informou os comités de empresa e delegados sindicais a súa intención de iniciar este ERE, que xustifica "por causas económicas e organizativas" e que se cinguirá ás áreas de soporte de Chapela e Madrid.
Representantes dos traballadores de Nova Pescanova na mesa negociadora para o ERE. (Foto: Europa Press)
photo_camera Representantes dos traballadores de Nova Pescanova na mesa negociadora para o ERE.

Representantes dos traballadores e do grupo Nova Pescanova constituíron esta terza feira a mesa negociadora que abordará o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de carácter extintivo proposto pola multinacional pesqueira e que, segundo trasladaron os sindicatos, xa inclúe unha pequena novidade: a compañía rebaixou de 100 a 82 os contratos a extinguir —de persoal técnico, non das liñas de produción—, tal e como se recolle na memoria explicativa entregada aos representantes do cadro de persoal.

Ao termo deste primeiro encontro, decorrido no Auditorio Mar de Vigo da cidade olívica, a presidenta do comité, Ana Caride (CCOO) explicou que o desta terza foi unha "toma de contacto", na que se constituíu formalmente a mesa de negociación, con 13 representantes por parte dos traballadores —11 de sindicatos e 2 representantes dunha comisión á marxe, solicitada por persoal directivo afectado polo ERE— e cinco por parte da empresa —dous responsábeis de Recursos Humanos e tres asesores xurídicos—.

Así, a parte 'social' representa os empregados de Pescanova España, Novapesca Trading, Nueva Pescanova —as tres sociedades con sede en Chapela— e o centro de Pescanova España en Madrid. Alén da constitución da mesa e a firma da acta correspondente, a empresa entregou aos representantes do persoal a memoria xustificativa do ERE.

Neste documento, explicaron Ana Caride e o responsábel de Industria en CCOO Vigo, Celso Carneiro, a empresa rebaixa a 82 os posíbeis despedimentos no marco desta regulación. Con todo, a intención dos sindicatos é que ese número sexa menor e que se adopten medidas alternativas menos traumáticas.

Negociar "de boa fe"

"Nós vimos negociar de boa fe, a nosa intención é loitar para que isto sexa o menos doloroso posíbel", subliñou a presidenta do comité, que confirmou que o próximo 5 de outubro terá a primeira reunión propiamente para negociar, na que a empresa detallará os argumentos e razóns para a presentación deste ERE.

Ana Caride lembrou que ambas as partes teñen 30 días para alcanzar un acordo, e trasladou a súa esperanza de que a empresa, e especialmente Abanca, o principal accionista, mostren a súa "boa disposición" para chegar ao mellor pacto "posíbel".

Celso Carneiro valorou que, xa antes de empezar esas negociacións, "a presión" exercida polo comité e os sindicatos logrou que a pretensión de 100 despedimentos rebaixouse a 82. Alén de negociar as condicións do expediente, empresa e representantes dos traballadores deberán "falar do futuro".

Buscar "alternativas"

Pola súa banda, o responsábel da Federación de Industria de UXT Vigo, Rubén Pérez, destacou a redución de empregos afectados por este ERE na formulación inicial da empresa, aínda que precisou que o "labor" dos sindicatos agora é rebaixar aínda máis ese número "buscando alternativas", mesmo medidas voluntarias.

Tamén afirmou que, aínda que o prazo para chegar a un acordo ambas as partes finaliza o 26 de outubro, "o tempo non debería ser un problema para chegar a un acordo" e, por parte de UXT, pediuse formalmente que, se for preciso, se amplíe ese prazo de negociación.

Comentarios