Sanidade pública

Persoal sanitario deixa o Sergas pola "baixa calidade laboral"

A oposición advirte de "déficits" nalgúns servizos.
Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Y. C. M.)
photo_camera Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Y. C. M.)

O BNG e o PSdeG levaron á comisión de sanidade do Parlamento galego varias denuncias sobre "eivas" e "déficits" en diferentes servizos e prestacións. Desde os problemas rexistrados no transporte sanitario até a mingua de "calidade laboral" no Sergas que deriva no abandono e marcha de profesionais.

Montse Prado (BNG) denunciou as demoras excesivas nos tempos de resposta das ambulancias medicalizadas nunha gran parte dos concellos galegos, nalgúns dos cales o atraso medio chega a superar incluso a hora, unha situación recollida no informe de fiscalización do Consello de Contas. "En 198 concellos, os tempos de resposta están por riba do máximo estabelecido, chegando case a triplicar os tempos para 592.000 habitantes, 22% da poboación".

"Estes datos poñen en evidencia que a política sanitaria do Partido Popular pon en risco a saúde e a vida das galegas e galegos", criticou a nacionalista.

Pola súa parte, Julio Torrado (PSOE) acusou a Xunta da Galiza de xestionar a sanidade pública "en detrimento da calidade laboral dos profesionais" sanitarios. Torrado advertiu de que esta precariedade laboral constitúe "o eixo do problema deste servizo na Galiza. Explicou que logo de dez anos de "recortes e precarización", no canto de atraer os mellores profesionais, a sanidade galega "expulsa os profesionais, que evitan achegarse polas malas condicións laborais".

Así o constatan, dixo, as sucesivas sentenzas xudiciais en contra do Goberno galego, que falan de "saturación, contratación fraudulenta ou incumprimento de acordos" cos traballadores e traballadoras.

Comentarios