Traballadores da automoción mobilízanse en Vigo polo futuro do sector

A CIG alerta da falta de política industrial.
Manifestación do sector da automoción, esta quinta feira en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manifestación do sector da automoción, esta quinta feira en Vigo. (Foto: Nós Diario)

Centos de traballadores e traballadoras da automoción galega manifestáronse esta quinta feira en Vigo para alertar do "futuro incerto" ao que se enfronta o sector como "consecuencia dunha política industrial de país por parte da Xunta da Galiza"

A mobilización desta quinta feira forma parte dunha campaña de información, concienciación e mobilizacións artellada pola CIG para alertar dun sector do que dependen "milleiros de empregos" na Galiza e para denunciar os "insoportábeis niveis de precariedade e de inestabilidade laboral que padecen os cadros das empresas" instaladas maioritariamente nas comarcas de Vigo, Pontevedra e Ourense.

Desde a central sindical nacionalista salientan, como principal problema ao que se enfronta o sector, "a falta dunha política industrial de país por parte da Xunta e a ausencia de investimentos por parte da empresa principal, a chinesa Stellantis, de cara á fabricación de novos modelos eléctricos que comprometen seriamente a supervivencia do sector". 

De feito, a Galiza aínda non rexistrou a instalación dunha nova empresa de compoñentes desde que se puxo en marcha o proceso de descarbonización e se anunciou a prohibición de fabricar coches de combustión a partir de 2030.

"Nin a fábrica chinesa que se anunciara para Vigo primeiro nin a de baterías que ía vir despois saíron adiante, mentres vemos como se están a reforzar os polos industriais do norte de Portugal, de Aragón-Áraba ou mesmo o africano". 

Por isto, representantes do sector reclaman que Stellantis faga público o seu plan industrial para garantir a actividade e os postos de traballo

Comentarios