A 40ª edición da MIT Ribadavia foi a despedida do seu director, Roberto Pascual

Roberto Pascual na entrega do Premio da Academia Galega de Teatro na última edición da MIT de Ribadavia.
No último momento da última edición da MIT de Ribadavia, o pasado sábado, Roberto Pascual, o seu director, anunciaba a súa renuncia. A decisión responde a motivos persoais, pero o director non oculta a súa "frustración" pola falta de apoio da Xunta da Galiza.  

Quince anos e dezaseis edicións da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). Todo iso quedaba atrás cando, ao final da representación de Iribarne, de ButacaZero, a función de feche da edición deste ano, se escoitou a voz de Roberto Pascual, o director da MIT anunciando a súa marcha para iniciar novos camiños profesionais. Un comunicado posterior ratificaba a decisión, fundamentándoa en que "non convén eternizarse nun mesmo posto de responsabilidade pública, débese ter sentido institucional tanto nos momentos de defensa das debilidades como nos momentos máis florecentes".

Pascual decidía deixar a MIT despois de celebrar o corenta aniversario do encontro, nunha edición cun dos programas máis completos dos últimos anos e co maior número de persoas espectadoras da súa historia. "A honestidade e o sentido de servizo público para os dereitos da cidadanía deben estar por enriba dos sentimentos egoístas que poidan darse en situacións de estabilidade e recoñecemento amplo como esta", argumentaba o xa ex director da MIT no seu comunicado.

Evolución natural

"É unha decisión moi meditada durante os dous últimos anos", declara Pascual en conversa con Nós Diario. "Creo que é necesario facer pedagoxía tamén sobre o valor que poden ter as decisións e, ao tempo, propiciar que a xente se acostume a estes cambios de ciclo, que non deberían ser sempre froito dos problemas, senón dunha evolución natural dos procesos".

En setembro, Pascual realizará un balance do seu paso pola MIT no Consistorio de Ribadavia (O Ribeiro), informará sobre o seu desenvolvemento e colaborará na definición do proceso de escolla da nova dirección. "E tamén me gustaría reforzar o papel institucional que ten o Concello de Ribadavia, pór en valor a súa aposta pola MIT e, ao tempo, facelo consciente da solemnidade que ten o seu apoio a unha mostra destas características dentro do sistema cultural galego. Ás veces trátase a cultura como unha extensión das festas e do ocio, e cómpre cambiar ese rexistro para tomar en serio, por exemplo, asuntos tan importantes como a internacionalización do noso teatro".

As políticas culturais

Pascual insiste en que a súa decisión é persoal, pero non oculta tampouco a súa "frustración" polo marco que estabelecen desde hai anos as políticas culturais da Xunta da Galiza.

"Resulta algo desesperante ver que a MIT evolucionou segundo uns parámetros que non se corresponden coas políticas do Goberno galego. Non acaba de entenderse a cultura como un vector de desenvolvemento social e, en consecuencia, non se poñen os alicerces para consolidar proxectos que se abran á internacionalización, á modernización e a outra forma de entender a xestión cultural máis acorde coa diversidade da sociedade contemporánea".

Cómpre lembrar que a propia Xunta da Galiza admitiu a importancia da MIT de Ribadavia no momento en que decidiu estabelecer un convenio que exoneraba o encontro da obriga de presentarse á convocatoria anual de sub-
vencións a festivais en réxime de concorrencia competitiva. Con este recoñecemento, a Consellaría de Cultura referendaba o seu apoio a un encontro que ten as súas raíces históricas nas anteriores Mostras de Teatro Abrente, referentes fundamentais na historia do teatro galego. Porén, a axuda económica en que se traduciu este respaldo foi, durante máis de dez anos, de 60.000 euros, sen ter en conta nin a suba dos prezos do mercado nese período nin a propia evolución da MIT, coutando toda pretensión de ambición e de progreso que se puidese albergar.

"Si, por un lado, están esas declaracións solemnes de apoio, pero polo outro hai unha realidade moi diferente. Nunca existiu un acompañamento real da institución, nin a altura de miras que permitiría maiores aspiracións. E isto non afecta só a MIT: o feito de que non exista unha lei que protexa as direccións artísticas no teatro, ou a independencia da xestión cultural en xeral, impide que a cultura medre ao mesmo ritmo que a sociedade galega".

Porén, Pascual cre que o Ministerio de Cultura si foi quen de ver a dirección que emprendía a MIT. "A achega do Ministerio foi fundamental para manter viva a Mostra", explica.

O futuro

Sobre o futuro da MIT, Pascual expresa -"desde o respecto absoluto a quen se faga cargo da dirección da MIT"- o seu desexo de que se conserve "un equipo humano que está moi cohesionado, moi comprometido coa Mostra, e que coñece ben a realidade de Ribadavia, algo fundamental para que a MIT sintonice co lugar onde se celebra. Non podo falar por eles, pero si que me transmitiron que o seu compromiso se mantén intacto, pero que tamén dependerá de que o novo proxecto os implique".

Para Pascual, sería relevante que se mantivesen os compromisos adquiridos, por exemplo, "coas coproducións con compañías galegas, nas que a MIT foi pioneira; ou o acordo asinado co Certame Manuel María de Proxectos Teatrais; e mesmo coa cultura rural, que se está revelando como un sinal de identidade de primeira magnitude".

En todo caso, e máis alá dos detalles, Pascual avoga por que a nova dirección afonde "na independencia da dirección artística do festival".

Contemporánea e comprometida

O balance detallado realizarase en setembro, pero polo de agora, Pascual destaca do seu paso pola MIT a inclusión das novas tendencias escénicas no panorama teatral galego, con nomes como os de Pippo Delbono, Emma Dante, Declan Donellan, Philippe Quesne, Oskaras Korsunovas, Eimuntas Nekrosius, Los Colochos ou Alice Ripoll, entre outros moitos.

"Estou orgulloso de que a MIT achegase propostas contemporáneas cunha visión cultural transversal e socialmente comprometidas, mais sen convertela nun espazo elitista". No debe, porén, lamenta non poder converter a Mostra nunha fundación pública participada polas institucións. "Faltáronme os dotes diplomáticos para lograr que se entendesen administracións de cores políticas distintas. Talvez o exceso de implicación e, se cadra, a mocidade, non me permitiron actuar con máis estratexia".