CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Anthrax: For All Kings

Publicamos unha nova entrega da crítica de rock e outras lerias que nos achega Isidro Rajo Parga. Nesta ocasión escribe sobre o último disco de Anthrax.

Se hai un ano que marcou a miña vida persoal dentro do rock foi, sen dúbida, 1986. Poucos anos hai que se dea unha conxunción tan boa, pois nese ano Europe editou o seu mítico “The final countdown”,  Bon Jovi pegaba forte con “Slippery when wet”, Iron Maiden editaba “Somewhere in Time”, Metallica  facía o propio con “Master of Puppets”  e  eu escoitei por primeira a vez os Anthrax, exactamente o tema “Madhouse”,   do seu álbum “Spreading de desease”, que era o segundo traballo da banda e o primeiro como vocalista de Joey Belladonna, decatándome deseguida de que esa banda ía escribir o seu nome con letras de ouro na historia do Thrash Metal.

Pasaron trinta anos dende aquel 1986 e Anthrax edita o seu undécimo álbum de estudio: “For All Kings”. Acostumado á evolución estilística da banda que incluso chegou a gravar o mítico “Bring the noise”,  cos rapeiros Public Enemy e cos estraño sabor de boca que me deixara o seu anterior traballo, “Workship Music” corrixido para ben no set list da xira, podo asegurar que levo case dous meses escoitando este disco antes de atreverme a escribir sobre o que escoitaba, pois non o tiña nada claro.

Estamos ante un disco que, xulgado como disco de Anthrax, é un disco moi frouxo, lento e falto de caña, agás en “Evil Twin”, “You Gotta Believe” e  “Zero Tolerance”. Agora ben, escoitando como un disco de Heavy Metal, sen dicir o nome da banda, estamos ante un disco simplemente espectacular e a proba disto é que foi o disco co que conquistaron os postos máis altos das listas de ventas. É un disco no que se despoxaron de toda a súa esencia thrasher para apoiarse máis nas melodías e as harmonías, nos retrousos pegadizos e nos medios tempos. A produción tampouco é que axude moito co toque salvaxe que se agardaba, xa que  é demasiado amábel. Bótanse en falta ese duplo bombo que golpea o peito de xeito salvaxe. Bótase en falta esa furia que era sinal da banda.

O disco funcionaría ben dentro da esencia do thrash se traballasen ben os descartes das cancións decidindo que estilo queren seguir, se prescindisen de temas tan excesivamente longos como “You Gotta Believe”  ou Blood eagle eyes”, que case chegan aos 8 minutos e que lle poden funcionar ben a outras bandas pero non a un dos Big Four. Semella que a banda está a pasar pola mesma fase que xa pasaran Metallica  cando editaran “Load” e “Reload”, mais a diferenza do que fixeran estes, Anthrax  segue a manter a  súa esencia en directo.

Atopámonos ante un mal disco para os amantes do thrash metal, mais un gran disco de heavy metal. O meu consello é escoitalo como sen pensar que é un disco de Anthrax  e logo xulgar, convencido de que gustará moito máis do que desgustará. Iso si, hai que ter en conta que o que se escoita no plástico non é o que nos agarda en directo, onde si que atoparemos toda a esencia brutal da banda.

Anthrax na rede

Web: www.anthrax.com

Facebook: www.facebook.com/anthrax

Twitter: @anthrax

Listaxe de temas

  1. Impaled
  2. You Gotta Believe
  3. Monster At The End
  4. For All Kings
  5. Breathing Lightning
  6. Breathing Out
  7. Suzerain
  8. Evil Twin
  9. Blood Eagle Wings
  10. Defend/Avenge
  11. All Of Them Thieves
  12. This Battle Chose Us
  13. Zero Tolerance

Máis en CULTURA
Comentarios