CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

O ardor guerreiro de Michael Moore: Que invadimos agora?

queinvadimosagora2
photo_camera Michael Moore


QUE INVADIMOS AGORA?
Where to Invade Next
(EUA 2015, 120 min.)
Dirección e guión: Michael Moore
Fotografía: Jayme Roy e Rick Rowley    

SINOPSE
Michael Moore “invade” Europa, e parte de África, para roubar todas as ideas que poida adaptar aos Estados Unidos de Ámerica a fin de mellorar o seu país e salvalo da autodestrución a mans do seu propio sistema imperialista e ultracapitalista.

CRÍTICA
O exército norteamericano convoca a Michael Moore para pedirlle consello e recoñecerlle publicamente que as últimas guerras foron inútiles e que, en verdade, xa non saben moi ben o que están a facer. A solución que propón Moore é que el mesmo, e só el, plante a bandeiriña de barras e estrelas en diferentes países que vai a invadir. Retranca nivel experto coa que Moore prologa o seu novo documental tras seis anos de ausencia meditativa. Que invadimos agora? é unha sorte de programa Salvados de Jordi Évole condensado en dúas horas de duración, e en chave de comedia, sobre as bondades doutros países con respecto ao propio.

Moore “invade” Francia, Italia, Alemaña, Eslovenia, Finlandia, Islandia, Noruega, Tunicia e Portugal. Tras os tópicos iniciais de cada país, como para resaltar a falta de cultura estadounidense, entra en materia e aborda temas “tabú” para a sociedade ianqui: sanidade pública, vacacións pagadas, liberdade sindical, universidades gratuítas, educación sexual, comedores escolares de calidade, clínicas abortivas, diversidade cultural (musulmáns máis concretamente que é onde máis lles doe), memoria histórica, empoderamento da muller, sistema penal de reinserción social, legalización das drogas e un longo etcétera que tratará de evidenciar unha enorme lista de carencias sociais, educativas, sanitarias, laborais e do estado de benestar en xeral que sofren os ianquis. Aparte de amosar os mellores países en cada ámbito, un pouco idealizado ás veces, sorprende ver a cantidade de dereitos dos que adoecen os Estados Unidos en moitos aspectos da vida que se consideran básicos, mais tamén advirte de certos aspectos xa instaurados nos Estados Unidos, e que non funcionan, pero que semella que certos políticos insisten en adaptar á política estatal como, por exemplo e por ser un tema de rabiosa actualidade, o sistema de reválida na educación, entre outros claro...

Moore non desaproveita a oportunidade para pasar de puntiñas por Columbine e o 11-S pero sobre todo desvela unha curiosa relación entre as drogas, o racismo e o dereito ao voto nos Estados Unidos sobre a que paga a pena facer unha reflexión. Verdadeiramente interesante. Como interesante é tamén unha das anécdotas de xuventude que revela ao final e que nos fan entender moito mellor a súa personalidade. Tamén se destapa como todo un patriota que quere salvar ao seu país do caos ao tempo que fai unha campaña velada contra Trump ao apostar por un montón de medidas que van no programa de Bernie Sanders mais deixando caer que Hillary Clinton tamén sería unha boa candidata para as vindeiras eleccións estadounidenses do 8 de novembro. Michael Moore alza a voz novamente contra o capitalismo salvaxe nun filme incisivo e reivindicativo á par que educativo e moi divertido. Unha voz que insta a derrubar os muros da inxustiza transmitindo que nada é imposíbel de cambiar, só hai que querer facelo... “Martelo. Cicel. Abaixo!”

Máis en CULTURA
Comentarios