Chanfaina Lab: un festival para facer filmes, non para velos

Unha rodaxe no Chanfaina Lab. (Foto: Chanfaina Lab)
O Chanfaina Lab converte San Sadurniño, a partir de hoxe, nun plató cinematográfico, mais tamén nun punto de encontro de diversas formas de entender o cinema que converten o festival, en palabras do seu impulsor, Manolo González, nunha "festa da tolerancia" na que o importante é amar o cinema como paixón por contar historias a través da imaxe. 

A orixe da chanfaina de San Sadurniño, de gran tradición nas parroquias de Bardaos e Igrexafeita, remítese aos tempos feudais, cando os campesiños debían reservar as mellores partes do porco para o señor. O que restaba -os riles, o fígado, a lingua, ou o corazón- mesturábase con fariña de millo, especias e herbas aromáticas, para elaborar este embutido, que pasou de ser un alimento de labregos a converterse nunha auténtica delicatessen.

Precisamente é esa heteroxénea mestura de ingredientes a que lle dá nome -e sentido- ao Chanfaina Lab, un proxecto de creación audiovisual que ten lugar en San Sadurniño e no que participan autoras e autores consagrados a carón de persoas sen experiencia previa no cinema. Entre os primeiros, un impresionante catálogo: Ángeles Huerta, Margarita Ledo, Alberte Pagán, Alfonso Zarauza, Jaione Camborda, Oliver Laxe, Sonia Méndez, Jorge Coira, Xisela Franco, Eloi Domínguez Serén, Diana Toucedo, Xurxo Chirro, Marcos Nine, Xacio Baño...  Entre os segundos, homes e mulleres de todas as idades e condicións cuxo único nexo en común é sentir o desexo de contar unha historia a través do cinema. 

"Nós somos un festival pequeno e non queremos saír desta dimensión local", declara Manolo González, impulsor do festival e actual encargado da selección dos cineastas invitados. "Non podemos medrar porque San Sadurniño non ten infraestrutura turística para aloxar e dar de comer a máis xente. Pero estamos moi a gusto neste espazo no que podemos coidar e mimar aos cineastas, que aquí son os verdadeiros protagonistas, non os políticos nin as alfombras vermellas. As novidades veñen dadas polos directores que participan en cada edición". 

Territorio e comunidade

Moi vinculado co territorio, un dos obxectivos principais desta iniciativa pioneira -que comezou en 2014 e que hai uns meses celebrou o seu décimo aniversario- é a posta en valor do patrimonio artístico e natural de San Sadurniño. As case trinta cineastas que participan este ano, terán tres días, a partir de hoxe, para gravar unha historia que non supere os cinco minutos dentro dos límites municipais.

"Este é un festival ao que a xente non vén a ver películas, senón a facelas", sentenza González.

Mais o Chanfaina tamén ten outro obxectivo: servir de punto de encontro, de debate e de coñecemento entre persoas e xeracións diversas.

"Sempre buscamos que a selección de cineastas sexa variada, que compaxine homes e mulleres e persoas novas e adultas por igual.  Algunhas que acaban de rematar o bacharelato, tituladas en Belas Artes ou Audiovisual... E entre os cineastas recoñecidos que invitamos, combinamos xente que destaca pola innovación con directores máis ortodoxos e mesmo algunha figura veterana. A veciñanza de San Sadurniño, porén, non ten que cumprir ningún requisito: é a protagonista e queremos que participen sen restrición ningunha".

O Chanfaina defende un cinema persoal, non industrial, "realizado desde o corazón e desde a vontade narrativa", con variedade estilística, "en contraposición a ese cinema hexemónico que sempre está realizado desde os mesmos presupostos estéticos e que se nos vende como comercial", declaran desde a organización.

Para conseguir esa amplitude de puntos de vista, selecciónanse persoas como Xaime Fandiño, unha figura histórica do cinema; Cora Peña, hoxe un tanto esquecida pero con filmes que marcaron unha época; Fernando Cortizo, autor da célebre O apóstolo; ou Fon Cortizo, unha voz nova e innovadora no cinema máis actual, autor da premiada 9 fugas.

"Son miradas moi diferentes sobre a realidade que, non obstante, logran crear entre todas unha chanfaina sumamente atractiva para as persoas que amamos o cinema. Quen ven ao Chanfaina, sempre acaba repetindo", afirma González.

O programa

Hoxe, despois da recepción das participante e dun primeiro xantar de convivio, as creadoras e creadores visitarán o castelo de Naraío e outros elementos destacados do medievo, nun pequeno percorrido guiado polo historiador e arqueólogo Eloi Saavedra.. A partir das 20 horas a Casa da Cultura acollerá a "Eira de Cineastas" un encontro das realizadoras e realizadores participantes para presentárense e para mostraren fragmentos do seu traballo. Este ano a xuntanza -que está aberta ao público- comezará cunha danza do bailarín local Mateo Couce a xeito de aurresku de benvida.

As filmación desenvolveranse entre o sábado e o domingo. Como nomes confirmados na presente edición, o Chanafaina Lab contará con Ángela Arnosa, Irene Ávila, Bieito Beceiro, Fran da Lobeira, Fon Cortizo, Fernando Cortizo, Xaime Fandiño, Kevin Lorenzo, lago Lourido, María Martelo, Carlos Martínez-Peñalver, Pablo Martínez, Anxo Pena, Cora Peña, Héctor Pousa, Xosé Antón Bocixa, Eva Lareo, Manuel Recouso, Isabel Rei, Álvaro Trigo, Abel Vega, Andrea Zapata, e os colectivos, A Rigueira, NaraíoMedia, Teño unha Horta e The Sungirls. Todas elas representan diferentes modos e xeitos de concibir a creación audiovisual dende ámbitos e prácticas artísticas diversas, engadindo matices e unha gran pluralidade a cada edición.

O sábado 7, ás 20 horas, na sección Clásicos Chanfaina Lab, proxectaranse oito curtametraxes de anteriores edicións que dun xeito ou doutro teñen como protagonista ao castelo de Naraío.

E xa o domingo, tamén ás 20 horas, a compañía de teatro Bucaneros poñeralle o ramo a edición de 2024, na Casa da Cultura, coa representación de Sesión continua, de Lino Braxe,  unha homenaxe á sétima arte que percorre títulos tan coñecidos como 2001, Unha odisea no espazo, O resplandor, Pulp Fiction, Febre do sábado noite, Instinto básico ou Psicose, entre outras.