ATÉ O 23 DE ABRIL

Comeza a sexta feira o Salón do Libro de Pontevedra

Mañá inaugúrase un Salón do Libro de Pontevedra dedicado aos animais, coa participación de María Lado, Lucía Aldao e o Seminario Permanente de Jazz. Esta 17ª edición permanecerá no Pazo da Cultura até o 23 de abril. 

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra dará comezo mañá día 1 ás 18h00 no Pazo da Cultura con “As peripecias de Extravaganzza Pérez”, un espectáculo creado específicamente para a ocasión e baseado no libro homónimo de Ledicia Costas, no que estará ambientado o Salón este ano. Os contos fusionaranse coa música nesta adaptación para teatro feita por María Lado no que Lucía Aldao porá a súa voz mediante cancións. 

O acompañamento musical correrá da conta do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Desde a súa creación hai máis de quince anos, este colectivo non cesou de traballar na dinamización deste estilo musical na sociedade por medio de ciclos, traballos discográficos ou, como neste caso, concertos didácticos para escolares. 

Esta obra musicada, que conta a viaxe de Extravaganzza na busca dos seus pais, transmitiralle a toda a familia valores coma o respecto pola natureza e o coidado dos animais.

Apertura de portas e actividades

Ás 19 horas abriranse as portas do Salón e comezará a súa actividade, que se prolongará durante tres semanas consecutivas. Como inicio e esa mesma hora, Anxo Fariña impartirá un obradoiro con entrada libre ata completer aforo -“Extravaganzza en Pontevedra”-, no que os participantes poderán encher os ocos en blanco dun panel con rodas coas súas propias ilustracións.

Ás 19.30 horas, o público poderá asistir ao "Safari Contográfico" de Pavís Pavós, un grupo de contadores de contos para público infantil que traballa principalmente en Galiza con contos en galego e tratando de recuperar contos, adiviñas, refráns, fraseoloxía e xogos propios.

Ademais, tamén ás 19.30, o Pazo da Cultura acollerá o contacontos “Algo está pasando en Ilusión Ártica”, que correrá da conta da Unidade de Cutura Científica do CSIC Galicia.
 
"Cocorico en movemento"

Esta tarde inaugurarase na Biblioteca Pública Antonio Odriozola a exposición “Cocorico en movemento” , baseada no pitiño do conto e agora tamén protagonista da serie da Televisión de Galicia "Cocorico". Na Biblioteca poderanse ver os capítulos da serie, escenarios, atrezzo e moitas máis cousas coas que o equipo de OQO filmes e o director Zé Carlos Pinto crearon esta produción de animación en stop-motion.
 

Comentarios