Un Festigal para "pór en valor todo o potencial creativo que ten este país"

Lucía Veciño (Fundación Galiza Sempre), Bruno Lopes Teixeiro (deseñador do cartel do Festigal), Manuel Lucas (De Ninghures), Claudia Quintela (DJ Misa), Iago Galego (Filloas), PAVA-Lucía Aldao e Marta Gómez (Galiza Nova). [Foto: R. S.]
Mondra, Rebeliom do inframundo, PAVA-Lucía Aldao, Donicelas, DJ Misa, Filloas e De Ninghures compoñen a oferta dun Festigal que terá lugar o 24 e o 25 de xullo no Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e que estará acompañado, como en cada edición, dunha ampla programación de actividades culturais, palestras, artesanía e obradoiros.

Xa se coñece o novo cartel do Festigal. A comisión organizadora confirmou esta sexta feira as actuacións para a 22 edición, que contará neste 2024 con Mondra, PAVA-Lucía Aldao, Donicelas e DJ Misa. Súmanse así aos concertos xa confirmados de Rebeliom do Inframundo, De Ninghures e Filloas, completando unha ampla programación de actividades culturais, palestras, artesanía e obradoiros nos días 24 e 25 de xullo en Compostela.

Así o anunciaron  representantes da comisión organizadora do Festigal, promovido pola organización xuvenil Galiza Nova e pola Fundación Galiza Sempre, xunto con membros das bandas participantes. Aliás, avanzaron a nova localización do espazo de concertos que, este ano, se traslada ao campo de hóckey do Campus Vida, a poucos metros do espazo no que decorreron as actuacións de pasadas edicións.

"Renovamos a nosa aposta por dar voz e visibilidade ao enorme talento musical e cultural que medra cada día na Galiza, con concertos e actividades para todos os públicos para seguir construíndo e alargando a conciencia de país", salientaron durante a presentación do cartel deseñado por Bruno Lopes Teixeiro.

Filloas, De Ninghures, Mondra e Rebeliom do Inframundo serán as encargadas de abrir os concertos na noite do 24 de xullo. Pola súa parte, no Día da Patria Galega chegará o momento das actuacións de PAVA-Lucía Aldao, Donicelas e DJ Misa, nunha xornada que contará cunha ampla programación para dar a coñecer novas iniciativas artísticas e culturais da Galiza.

Oferta gastronómica

Así, o público do Festigal contará o 25 de xullo con presentacións de libros e palestras, postos de artesanía, espazo de asociacións, música tradicional e obradoiros infantís, entre outras actividades, xunto cunha zona de acampada próxima á localización do evento. Outra das novidades desta edición é a ampliación do espazo de xantar e da oferta gastronómica na Carballeira de San Lourenzo, dispoñíbel durante todo o evento, tanto a noite do 24 como o propio Día da Patria Galega. Avanzaron, así mesmo, que nesta edición estase a traballar nun concurso de cantos de taberna, que servirá, sinalaron, para animar a contorna festivaleira ao longo e ancho do recinto.

"Escaso apoio institucional"

Desde a organización tamén denunciaron o "escaso apoio institucional" por parte da Xunta da Galiza "a festivais organizados polo tecido asociativo, como o Festigal, fronte ao importante soporte que concede a eventos multitudinarios organizados por empresas, malia que os grupos en galego sexan unha minoría". Como exemplo desta cuestión subliñaron casos como o Son do Camiño ou o Gozo Festival, que "van recibir un ano máis un investimento millonario do Goberno galego, baixo o pretexto de proxectar o turismo no país, malia carecer de ningún elemento identitario que poña en valor a cultura galega". 

De Ninghures

Sete mozos e mozas dos anos 1990 compoñen De Ninghures, unha banda que defende unha música feita de raíz e a creación contemporánea pondo en valor a música tradicional galega. Con influencias que van desde as músicas do Magreb, pasando polo rock saharauí até as melodías cubanas, a formación asegura ter os pés na terra á vez que unha mirada global.

PAVA-Lucía Aldao

A poeta coruñesa Lucía Aldao traerá ao escenario do Café Concerto o seu segundo traballo en solitario, 'PAVA2', despois de máis de 20 anos de carreira no mundo da poesía escénica, do humor e da música. Emoción e sorna, revisión e identidade e amizade e crítica son os pares que tecen o fío condutor da obra que presentará nesta edición do Festigal.

Donicelas

Para as Donicelas a pandeireta e os cantos tradicionais comezaron sendo un xogo desde que eran nenas, momento de inicio dunha andaina de case tres décadas na que percorreron gran parte da Galiza e do norte de Portugal. Unha aposta pola música tradicional galega de autor e con arranxos propios. 

DJ Misa

Orixinaria de Gondomar (comarca de Vigo), DJ Misa é unha apaixonada da música desde cativa. Os seus sets vense influenciados polo bo momento musical do panorama galego, e tratan de levar a diversión fusionando o pop coa música tradicional galega.

O cartel desta edición

A comisión do Festigal quixo que o pobo palestino e o xenocidio perpetrado por Israel estean presentes nesta edición, tal e como amosa o cartel, no que unha moza que sostén unha bandeira da Patria Galega tamén porta unha keffiyah.

Tamén hai unha chiscadela no cartel á Xeración Nós. Segundo sinalou Lucía Veciño, secretaria da Fundación Galiza Sempre, "é unha clara referencia a esa parte da cultura galega e a esa tradición política que temos, sen esquecer que o Festigal ten un precedente, como eran os concertos do Festival das Arengas [que decorreron de forma paralela ao mitin homónimo con motivo do Día da Patria nos anos 1934 e 1935]".

"Este proxecto, que está feito coas nosas mans quere pór en valor a nosa música, a nosa cultura e todo o potencial creativo que temos neste país", destacou a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez.