CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Money Monster

moneymonster2

MONEY MONSTER

(EUA 2016, 98 min.)

Dirección: Jodie Foster

Guión: Jamie Linden, Alan DiFiore e Jim Kouf

Fotografía: Matthew Libatique

Música: Dominic Lewis

Elenco: George Clooney, Julia Roberts, Jack O’Connell, Dominic West, Caitriona Balfe, Giancarlo Esposito, Christopher Denham, Emily Meade, Dennis Boutsikaris, Anthony De Sando

SINOPSE

Lee Gates, un afamado gurú de Wall Street, ten programa de televisión propio onde fai show da economía bursátil. En pleno directo aparece un espontáneo que lle bota culpa de perder todo o seu diñeiro en Bolsa por facer caso dos seus irresponsábeis consellos financeiros.

CRÍTICA

Parece mentira que Money Monster sexa aínda o cuarto filme de Jodie Foster. Moitos augurabamos un mellor futuro coma directora desde que decidira, alá por 1991, pórse tras as cámaras coa prometedora O pequeno Tate, mais desde entón prodigouse ben pouco. Despois daquel debut proba sorte coa interesante sátira familiar A casa por vacacións (1995) que deixa un pouco frío ao persoal e, máis recentemente, en 2011, desconcerta a propios e estraños cunha incomprendida historia psicolóxica titulada O castor, onde volvía a traballar co seu vello amigo Mel Gibson. Unha traxectoria moi exigua que ía completamente en picado. Semellaba que podía remontar o voo con Money Monster, estreada fóra de concurso no pasado Festival de Cannes, mais apenas acada parar a caída a pesar de contar cunha historia cuns vimbios que daban para moito: a crise económica mesturada co telelixo.

Como din no filme, “sen risco, non hai recompensa”... e Jodie Foster arrisca ben pouco

A cousa vai dun tipo armado que secuestra en directo ao presentador de Money Monster, un programa de economía en horario de máxima audiencia conducido por un exultante, e sobreactuado, George Clooney (Ave César!). Un papel feito a medida. No control de realización anda unha moi resolutiva, e cada vez máis inexpresiva (por mor do botox), Julia Roberts (Agosto). Chama poderosamente a atención que a química entre ambas estrelas sexa practicamente nula, o cal dá pistas de que algo non foi de todo ben na rodaxe. O rol do espontáneo armado recae no británico Jack O’Connell (Invencíbel, Convicto), un actor incipiente que quizais sexa o único que se salva un pouco da queima. Apréciase moito a valentía coa que Jodie Foster trata de plasmar unha mensaxe crítica en contra do sistema, das multinacionais e de paso denunciar o telelixo e a manipulación sistemática dun estado que controla os medios de comunicación para os seus intereses, mais a cousa queda embazada por unha historia risíbel e precipitada que deriva nos camiños máis trillados do thriller de investigación onde hai que descubrir ao verdadeiro malo do asunto. Poucas sorpresas, inda que o empaquetado sexa de luxo... Destaca a veloz montaxe de Matt Chessé (nomeado ao Óscar por Descubrindo Nunca Xamais) nun esforzado traballo por conxugar e dar fluidez á multitude de formatos de imaxe que se alternan durante o filme: imaxe televisiva, de control de cámaras, de móbiles, de ordenadores, o grafismo complementario, a imaxe de acción real... Moi logrado todo, mais como din no filme, “sen risco, non hai recompensa”... e Jodie Foster arrisca ben pouco. Con todo estamos ante un refrescante thriller convencional que ben vale para fuxir, momentaneamente, das elevadas temperaturas de xullo nun deses cinemas que poña a tope o aire acondicionado.

Máis en CULTURA
Comentarios