Museo busca sociedade que o sosteña

Nun entorno cultural no que a maioría dos museos son públicos e de acceso gratuíto, o Museo do Pobo, unha das máis importantes institucións culturais do país, vén de emprender unha campaña de captación de novos e novas asociadas. “Teño un museo”, se chama. 

campanha-museodopobo
photo_camera Unha das imaxes da campaña, con Fran P. Lorenzo e a súa peza favorita do museo, os tipos de letra da sala de imprensa.

“Son os Rothschild, os Guggenheim ou os Thyssen as únicas persoas que poden posuír un Museo?” pregúntanse desde esta institución cunha campaña que apela á corresponsabilidade colectiva e ao orgullo de ter un museo de todas e todos. 

"Teño un museo" busca sumar persoas que queiran formar parte desta comunidade como estratexia de reforzamento do Museo do Pobo Galego que, segundo afirman os promotores “só pode vir dunha maior implicación na sociedade galega a través dos socios e socias. Coas súas cotas contribúen ao mantemento económico da entidade, o que é importante; pero non o é menos a inserción doMuseo na sociedade galega a través desta asociación que é o seu alicerce porque canto maior sexa o número de persoas que a conformen e a súa participación na vida do museo, máis se conseguirá un museo forte, independente e plural”. 

E botan a andar a campaña con dúas caras coñecidas da cultura galega, Antía Cal e Fran P. Lorenzo, xunto coa familia Vázquez, todos eles socios do museo, que se deixan retratar pola cámara de Tino Viz xunto cunha peza que escolleron entre os fondos do Museo. 

O Museo do Pobo Galego é o maior museo privado de Galiza, aínda que no seu Padroado estean representadas numerosas institucións do país, como a Xunta ou o Concello, ademais de universidades, deputacións e diversos museos. O seu sostemento está garantido polas achegas económicas e materiais (doazóns e depósitos) dos seus patróns e socios, e polo patrocinio de diversas institucións públicas e privadas. Foi fundado en 1976 e as primeiras salas inauguráronse en 1977.
 

Máis en CULTURA
Comentarios