A 11ª Mostra Internacional de Cine Etnográfico e o Cineclub Carlos Velo presentan no Museo do Pobo Galego o III FICCVelo (Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo). O festival acaba de abrir a inscrición de películas a concurso, con prazo ate o 15 de xullo.
Como parte da programación previa á Mostra, esta sesión dedicada ao FICCVelo e á figura do cineasta de Cartelle, proxectaranse dúas das curtametraxes premiadas na segunda edición do Festival, “Whale Valley” e “Som pastor “, así como “Carlos Velo en México" unha curta documental producida polo FICCVelo e que forma parte do proxecto de investigación sobre a influencia de Carlos Velo no audiovisual mexicano.
Dúas pezas máis completan o programa: "La ciudad y el campo", traballo do propio Velo en 1934 que veremos nunha montaxe recente e íntegra do arquivo do Magrama, e "Urbe", un traballo experimental dos anos 70 realizado en México e supervisado por Carlos Velo que non se proxectou en Galicia. Será esta cuarta feira, 25 de maio, ás 20h no Auditorio do Museo. A entrada é de balde.