Primeiro premio de poemas musicados 

Parecía que non, pero nisto dos premios e da literatura aínda había lugar para a innovación. A Fundacion Celso Emilio Ferreiro vén de convocar, con carácter bianual, o Iº Premio Celso Emilio Ferreiro de Poemas Musicados. 

Este galardón premiará con 3.000 euros a mellor canción con música orixinal e textos dun poema do escritor de Celanova. Deste xeito, a Fundación quere contribuír ao fomento e difusión da expresión poética en xeral e, nomeadamente, á divulgación do legado poético de Celso Emilio Ferreiro, cuxa obra foi reiteradamente musicada ao longo dos últimos cincuenta anos.

Poderán presentarse á actual convocatoria obras músico-vocais, nas que a letra sexa a totalidade ou parte dun poema de Celso Emilio e a música, unha creación orixinal do autor, autora ou colectivo. E será condición indispensable que a composición teña sido posta á disposición do público entre o 30 de outubro do 2014 e o 30 de outubro do 2016.

O prazo de recepción das obras está aberto até o día 30 de outubro do 2016 e o anuncio do veredicto do xurado farase público o día 1 de novembro a través da páxina web oficial da Fundación Celso Emilio Ferreiro. O acto de entrega do Premio terá lugar no transcurso da Feira Culturgal o próximo mes de decembro en Pontevedra.
 

Máis en CULTURA
Comentarios