CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

A raza humana está en perigo. Mais tranquilidade: hai un orco disidente

Warcraft
photo_camera Warcraft

WARCRAFT: A ORIXE
Warcraft: The Beginning
(EUA 2016, 123 min.)
Dirección: Duncan Jones
Guión: Duncan Jones e Charles Leavitt
Fotografía: Simon Duggan
Música: Ramin Djawadi    
Elenco: Travis Fimmel, Paula Patton, Ben Foster, Ben Schnetzer, Dominic Cooper, Toby Kebbell, Daniel Wu, Robert Kazinsky, Clancy Brown, Burkely Duffield, Ruth Negga, Anna Galvin, Glenn Close

SINOPSE
O pacífico reino de Azeroth está a piques de entrar en guerra por mor da invasión dos orcos doutro mundo que entraron por un portal máxico aberto co “Fel”, unha poderosa arte nigromante que destrúe todo o que toca. A supervivencia da raza humana está en perigo pero no bando dos orcos hai un disidente que podería facer virar as tornas.

CRÍTICA
Hei de recoñecer que nunca xoguei a ese xogo online multi-xogador chamado “World of Warcraft”, mais si lembro xogar algunha vez, no meu vello PC, a “Warcraft: Orcos vs. Humanos”, un xogo de rol pixelado onde a construción de emprazamentos e creación de exércitos, dun bando ou doutro, era esencial para botarlle unhas horas ben viciado diante da pantalla (TFT, por certo). De feito ese xogo, hoxe considerado vintage, foi un dos precursores de moitos dos xogos que trunfan hoxe en día nos smartphones. A adaptación á gran pantalla deconstrúe a trama para dar pé a que ambos bandos poidan contar cadansúa historia nunha fantasía épica, non carente de mensaxe ecolóxica, contada desde o punto de vista dos humanos e o dos orcos cun deixe a O señor dos Aneis (de Peter Jackson), Dune (de David Lynch), Excalibur (de John Boorman) e Avatar (de James Cameron). Rudos guerreiros, poderosos magos, reis magnánimos, ananos cabreados, elfos orelludos, orcos enormes e feiticeiros aprendices pululan polas terras de Warcraft mentres “o Fel” ameaza con destruír o mundo tal e como o coñecen.

Quitando algunha que outra sorpresa, o demais pódese deducir sen moito problema. Dirixe Duncan Jones, o fillo de David Bowie, que sorprendera ca excelente ópera prima titulada Moon, un low-fi imprescindíbel, ao que lle seguiu, con algo de máis presuposto, Código Fonte con Jake Gyllenhaal que non deixaba de ser interesante pero moito menos auténtica, e agora tírase de cabeza a dirixir un blockbuster de presuposto multimillonario que ben podería estar apadriñado por Jerry Bruckheimer. Historia sinxela, heroes de manual, romance típico e moito, moitísimo efecto visual. Non escatimaron en cartos... Mais semella que a cantidade de cartos é inversamente proporcional ao nivel de creatividade dun, a priori, bon director. Deixando de lado que a protagonista feminina (Garona) é case un calco da Gamora de Guardiáns da Galaxia (2014, James Gunn) ou que un dos magos en troques de parecerse a Gándalf, Merlín ou Dumbledore é máis unha sorte de David Guetta pasado de voltas, seica para gañarse ao auditorio máis xoven, hai que recoñecer que Duncan Jones non patina de todo. Para empezar supera con creces ao Hobbit de Peter Jackson -inda que tampouco era moi difícil- pero sobre todo atina de pleno ao achegar o conto ás míticas historias de espada e bruxería da, outrora, gloriosa serie B dos oitenta. Se es dos que lembra con certa nostalxia filmes coma Krull, Red Sonja, Conan o Destrutor ou O señor das bestas, quizais lle atopes o seu punto a Warcraft: a orixe. Se non... foxe insensato!

Máis en CULTURA
Comentarios