CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Iron Maiden: "The book of souls"

Estiven agardando o momento para escribir sobre o disco, e agora, cando o Ed Force One está a piques de aterrar na Galiza para que os Maiden descarguen toda a súa forza en Viveiro, acho que é o momento axeitado para volver a traer a actualidade este espectacular traballo da Dama de Ferro.

Todos contabamos cunha sorpresa por parte da Iron Maiden, para celebrar o 40 aniversario da súa fundación. Eramos conscientes de que a banda de heavy metal máis grande de todos os tempos non deixaría pasar tal efeméride como se nada, cando unha lexión de fans agardaban o rexurdimento da besta. E despois de moito agardar, chegou a sorpresa, aínda que non era a agardada: Bruce Dickinson tiña cancro de lingua. Esta nova, que caeu coma un balde de auga fría nos seareiros da banda, foi a culpábel de que esa celebración tardase algo máis do agardado, pero ao fin chegou baixo o título de The Book of Souls.

A primeira sorpresa agradábel atopeina na portada, xa que a banda recupero a súa tipografía clásica, que xa desaparecera no 98 na publicación do Virtual XI, ademais o deseño de Eddie na portada lembroume aos deseños da etapa de Derek Riggs, o deseñador orixinal dos Maiden. 

Todo isto, agocha un disco duplo, con 11 temas  nos que Iron Maiden volve a facer  temas longos, como xa fixera con Isle of Avalon, Hallowed be thy name  ou The Rime of The Ancient Mariner, mais agora superándose ao chegar aos 18 minutos de Empire of Clouds, tema de peche do álbum.

O primeiro disco abre con If Eternity Should Fail, composto totalmente por Dickinson e comeza cun aire épico ocupado en crear atmósfera durante case un minuto ate que encomeza a cabalgar e a dicir que o Final Frontier está superado e que isto é outra historia, na que as cancións teñan máis pegada e as estruturas, aínda que longas son sólidas con retrousos definidos e riffs potentes.

O primeiro disco abre con If Eternity Should Fail, composto totalmente por Dickinson e comeza cun aire épico

Speed of Light foi o tema elixido como single, con un toque máis clásico, non en van leva a sinatura compartida  de Adrian Smith na composición, o que fai que soe a puro maiden da época do Powerslave ou mesmo do Somewhere in Time. Deixa moi bo sabor de boca para entrar a The Great Unknown, que xunto The Man Of Sorrows parecen descartes do Seventh Son of a Seventh Son. Non son malos temas, pero non encaixan moito co resto do disco, e como punto a favor cómpre dicir que a atmósfera creado co baixo e as guitarras co chorus é simplemente xenial.

Nótase que The Red and The Black está composto integramente por Steve Harris dende a liña de baixo. Un tema feito para que a xente coree nos concertos no estilo do Heaven Can Wait,  e coas tripletas marca da casa que imprime Harris. Con When The River Runs Deep, tras todo o que levo escoitado, confirmo unha volta total ao 86, ao Somewere In Time (será que o título era profético?) confirmando na escoita o que a portada parecía prometer e cando pecha o primeiro CD The Book of Souls, con se halo setenteiro, coas guitarras acusticas abrindo e pechando, e uns Maiden divertíndose sen máis durante 10 minutos facendo hard rock, o disco parece incluso facerse curto.

Death or Glory, tema que abre o segundo CD, un trallazo que sen dúbida non faltará no set list da xira por ser un dos máis enérxicos. Shadows of The Valley, un dos mellores temas do disco, pensei que estaba composta por Adrian Smith, xa que o riff inicial é calcado a unha das miñas cancións favoritas de Maiden, Wasted Years (de novo Somewhere in Time)  pero, para a miña sorpresa, esta asinado por Gers e Harris.

Tears of the Clown  é outro espectacular himno co que nos agasallan Adrian Smith e Steve Harris, e o retrouso que, para a miña sorpresa máis se repetía na miña cabeza tralas primeiras escoitas. Basicamente é un medio tempo, curto  e sinxelo.

A canción dentro da canción, a disco dentro do disco, unha obra mestra,  non sei de que outro xeito poderíamos describir o increíble Empire of The Clouds. Cos seus 18 minutos, é até o momento a canción máis longa xamais gravada por Iron Maiden. Asinada integramente por Bruce Dickinson, dende o inicio orquestrado o tema vai medrando en intensidade e complexidade, creando ambientes para cada parte da historia. 

The Book Of  Souls é un traballo que non pasará desapercibido e que co tempo será máis recoñecido. A súa mestura entre o halo clásico dos Maiden e a experimentación fixeron desta obra un dos piares fundamentais dentro da discografía de Iron Maiden.

Video: Iron Maiden –Speed Of Light https://youtu.be/-F7A24f6gNc

Listaxe de Temas
Disco 1
1. If Eternity Should Fail (Dickinson) 8:28
2. Speed Of Light (Smith/ Dickinson) 5:01
3. The Great Unknown (Smith/ Harris) 6:37
4. The Red And The Black (Harris) 13:33
5. When The River Runs Deep (Smith/ Harris) 5:52
6. The Book Of Souls (Gers/ Harris) 10:27
Disco 2
7. Death Or Glory (Smith/ Dickinson) 5:13
8. Shadows Of The Valley (Gers/ Harris) 7:32
9. Tears Of A Clown (Smith/ Harris) 4:59
10. The Man Of Sorrows (Murray/ Harris) 6:28
11. Empire Of The Clouds (Dickinson) 18:01

IRON MAIDEN NAS REDES
Web: www.ironmaiden.com
Facebook: www.facebook.com/ironmaiden
Twitter: @ironmaiden

Máis en CULTURA
Comentarios