CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

The Nice Guys, un bon vehículo para o entretemento

NiceGuys
photo_camera Un fotograma do filme


THE NICE GUYS
(EUA 2016, 116 min.)
Dirección: Shane Black
Guión: Shane Black e Anthony Bagarozzi
Fotografía: Philippe Rousselot
Música: David Buckley e John Ottman    
Elenco: Russell Crowe, Ryan Gosling, Angourie Rice, Matt Bomer, Kim Basinger, Margaret Qualley, Yaya DaCosta, Keith David, Beau Knapp, Lois Smith, Jack Kilmer, Daisy Tahan, Murielle Telio, Ty Simpkins

SINOPSE
O matón a soldo Jackson Healy (Crowe) e o detective privado Holland March (Gosling) vense obrigados a traballar xuntos para resolver o caso dunha moza desaparecida que semella ter relación coa morte da estrela porno Misty Mountains e quizais algo máis turbio.

CRÍTICA
Ambientada nos anos 70, The Nice Guys vai un punto máis aló con respecto das buddy movies, ou “pelis de colegas”, engadindo un toque de nostalxia e moito humor á acción trepidante que se lles presupón a este tipo de filmes. Non é de estrañar que á fronte do asunto ande Shane Black, guionista de nada menos que Arma letal (1987, Richard Donner), O último Boy Scout (1991, Tony Scott) e O último gran heroe (1993, John McTiernan), tres dos máis grandes títulos do subxénero realizados no século pasado. Por outra banda, aparece na produción Joel Silver, flamante produtor de éxitos de acción tan míticos como Xunga de Cristal, Matrix  ou Depredador. A priori toda unha garantía... Por certo, proximamente será tamén Shane Black o encargado do próximo reboot de Depredador, aínda en fase de preprodución...

Un evocador logo retro da Warner, deseñado por Saul Bass, trasládanos no espazo tempo á época na que se desenrola The Nice Guys. Tras un estraño suceso, que terá conexión co caso, preséntanse as personaxes: por unha banda Jackson Healy, interpretado polo bochudo Russell Crowe, un matón especializado en amedrentar, experto en dar malleiras, asaltar berces e acosar adolescentes; pola outra banda, nun sorprende o cambio de rexistro de Ryan Gosling, está Holland March, un detective privado borrachón e algo zoupón dedicado a casos xubilados. Casos doados que lle permiten levar cartos ao fogar sen moito esforzo e así manter a súa filla de trece anos (Angourie Rice). March e Healy son dous tipos impulsivos que, a pesar de teren carácteres moi distintos e de non levarse moi alá, terán que colaborar nun caso de desaparición que, por suposto, se irá complicando a medida que avanza a investigación. Alta comedia e moito humor físico nun filme de detectives que trata de fuxir do predicíbel. Unha especie de versión “para todos os públicos” de Puro Vicio (2014, Paul Thomas Anderson) con certo deixe a O grande Lebowski (1998, Joel Coen). A parella Crowe/Gosling convértese nun hilarante dúo cómico a medio camiño entre Abbot e Costello, e Laurel e Hardy, alias “o gordo e o fraco”. De feito non é casual que Crowe engordara por riba dos 100kg e Gosling vaia en plan miñaxoia... mais sendo unha homenaxe tan evidente non se chega a entender o motivo do tremendo photoshop que lle meteron ao cartaz do filme para deixar a Crowe todo estilizado e sen bandullo cando no filme ás veces se confunde con John Goodman. Cousas do marketing, supoño... Trama irreverente e honesta repleta de personaxes ben desenrolados mais que patina nos instantes nos que a cousa se pon seria e solemne, un mal necesario, e mínimo, para construír e dar maior profundidade ás personaxes. The Nice Guys mantén o tipo durante toda a metraxe demostrando que Shane Black é un excelente director e un brillante guionista. Do melloriño en cinema de entretemento en anos.

Máis en CULTURA
Comentarios