CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Todos queremos algo

Todos queremos algo
photo_camera Un fotograma do filme

Everybody Wants Some!!

(EUA 2016, 117 min.)

Dirección e guión: Richard Linklater

Fotografía: Shane F. Kelly

Elenco: Blake Jenner, Glen Powell, Tyler Hoechlin, Zoey Deutch, Temple Baker,  Juston Street, Ryan Guzman, Wyatt Russell, J. Quinton Johnson, Will Brittain, Forret Vickery, Tanner Kalina, Austin Amelio, Jonathan Breck

SINOPSE

Tres días antes de que comecen as clases, Jake entra a formar parte do equipo de baseball da Universidade de Texas. Como manda a tradición terá que aturar certas novatadas antes de poder integrarse por completo no grupo.

CRÍTICA

Tras deixarnos coa boca aberta fai dous tempadas con esa obra mestra, máis grande que a vida mesma, titulada Boyhood, Richard Linklater volve pola senda dun dos seus primeiros filmes dos anos 90: Movida do 76. Se naquela a cousa ía da “vida íntima” duns adolescentes no derradeiro día de instituto, en Todos queremos algo cambia de década aos 80 e sitúa a acción nos momentos previos ao comezo da Universidade, tal se fora unha continuación natural de Movida do 76, claro que tamén podería ser a continuación natural de Boyhood... Nostalxia “modo on” desde os primeiros compases do My Sharona mentres Jake, o protagonista, manexa o seu flamante deportivo azul coas fiestras baixadas e a música a todo volume en dirección á Irmandade na que se aloxará todo o ano académico. Trátase da Irmandade de baseball universitario que reside nunha casa comunal fora do campus onde as regras son bastante estritas pero ben sinxelas: “nin unha gota de alcohol dentro da casa e nada de mozas nos cuartos”. Máis claro auga... mais considerando que estas regras van dirixidas a uns rapaces deportistas coas hormonas pasadas de voltas e con moita gana de xolda, o estraño sería obedecer... Así que non faltarán festas multitudinarias, mozas, cervexa, sexo, drogas e música... moita música.

Hai que recoñecer que é un dos máis grandes directores do noso tempo capaz de facer o que lle peta e por riba facelo ben

Desde o divertido “wayne’s world” que se marcan no coche co “Rapper’s Delight” dos Sugarhill Gang, a música está omnipresente durante todo o filme a base de clásicos como o citado de The Knack, Kiss, Cheap Trick, Dire Straits, ZZ Top, Foreigner, Blondie, Van Halen, Queen, Patti Smith e moitos máis!... A través desta ecléctica banda sonora, amén das psicodélicas pintiñas, Linklater constrúe unha intelixente viaxe á década dos 80 para facer un exercicio de nostalxia, non tanto da década en si, senón nostalxia daqueles anos de despreocupación xuvenil onde o importante simplemente era experimentar, non dicir a nada que non e gozar coma se non houbera un mañá... No apartado técnico Linklater volve facer equipo con practicamente todo o que participou en Boyhood, xa da familia, e no casting, inda que repite con Glen Powell (Fast Food Nation), decanta por facianas pouco coñecidas, ben recentemente saídos da televisión ou con escaso percorrido no cinema; desta forma consegue dar máis frescura e verosimilitude á trama. É posíbel que, pola temática que toca, Richard Linklater faga filmes que non cheguen a todo o mundo, mais hai que recoñecer que é un dos máis grandes directores do noso tempo capaz de facer o que lle peta e por riba facelo ben. En Todos queremos algo regala un bo puñado de virtuosos travellings e un portentoso alarde de composición de escenas, mais sobre todo acada cotas modélicas na construción de personaxes secundarias logrando un alto grado de complicidade entre eles ademais de proporcionar a cada un deles un carisma de seu; nada doado considerando que son uns doce personaxes e que todos, en maior ou menor medida, teñen que ter tempo necesario para “contar” a súa propia historia dentro da trama principal. Case dúas horas de metraxe que pasan nun suspiro mesmo chegando a desexar que estaría ben que nunca remataran as aventuras destes simpáticos rapaces...

Máis en CULTURA
Comentarios