Un total de 92 obras compiten para os Premios Xerais 2019, que se fallarán o 7 de xuño

Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que terá lugar o 31 de maio.

trofeos_premios_xerais

Un total de 92 obras compiten nas diferentes modalidades dos Premios Xerais, que se fallarán o vindeiro 7 de xullo.  O xurado da XXXVI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 44 obras, está formado por: Ana Belén Moreda (profesora), Carlos Feijoo (avogado), Helena Torres (xestora cultural), Nuria Vil (poeta), Ana Abelenda (xornalista) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás que actuará como secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.

No que atinxe a XI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 20 obras, o xurado está formado por: Javier Balea (divulgador científico, creador de “Moléculas en galego”), María Cerdeira González (estudante de Ciencias da Educación), David Díaz Díaz (profesor de Lingua galega e literatura, coautor de “Bolboretas no bandullo”), Tensi Gesteira Estévez (responsable do blog “Lecturafilia”), Olga Nogueira (profesora de Lingua galega e literatura)  e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da UVigo e crítica  Isabel Mociño González, que actuará como secretaria do xurado¡

O xurado da XXXIV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 28 obras, está formado por: Sabela Fernández Trelles (profesora e asesora en Educación Infantil e Primaria), Sira González Rodríguez (bibliotecaria), María Jesús Iglesias García  (profesora de Educación Infantil e Primaria), Ángel Iglesias Mariño (profesor e membro de Espazo Lectura), Andrés Meixide Gayoso (deseñador gráfico e ilustrador) e o crítico e escritor  Miguel Vázquez Freire como secretario.

Os tres xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, 31 de maio, e as gañadoras, na segunda, a celebrar en xuño. Como o pasado ano a festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición dos libros editados das obras gañadoras.

Comentarios