París 2024 | Remo

Caetano Horta: "Viñamos aquí a por todas e sentimos que non puidemos loitar nesta semifinal"

Caetano Horta, remeiro natural de Noia, esta cuarta feira, após rematar cuarto na súa semifinal do dobre scull lixeiro xunto ao catalán Dennis Carracedo. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
O remeiro Caetano Horta (Noia, 2003) fala con 'Nós Diario' desde o estadio náutico de Vaires-sur-Marne de París após rematar cuarto na súa semifinal do dobre scull lixeiro de remo, un resultado que o deixa fóra da gran final polas medallas. Esta sexta feira loitará polo seu segundo diploma olímpico.

Ao remeiro noiés Caetano Horta escapóuselle esta cuarta feira o ansiado pase á gran final polas medallas do dobre scull lixeiro nunha regata na que el e o seu compañeiro de bote, o catalán Dennis Carracedo, foron de menos a máis. Empezaron moi fortes, pasando o primeiro corte terceiros —garantindo así a clasificación— e practicamente á par coa embarcación de Grecia e perto da de Italia, mais pouco a pouco fóronse descolgando e no treito final non puideron aguantar o alto ritmo que marcaban gregos, italianos e noruegueses, que se acabaron coando como terceiros.

Foi unha regata lenta e co vento en contra, unhas condicións coas que Carrecedo e Horta non se sentiron demasiado cómodos, tal e como admitiu o noiés en conversa con Nós Diario após certificar unha dura derrota que asume sen paliativos. "As sensacións de hoxe non foron moi boas. Viñamos aquí a por todas e sentimos que non puidemos loitar nesta semifinal", dixo.

Agora aspirarán ao diploma olímpico na final B que dará comezo ás 11.06 horas de mañá e na que terán como rivais os botes de Arxentina, Ucraína, Francia, Bélxica e México. Só franceses e belgas marcaron mellores tempos nas semifinais que a embarcación do galego. Non será a medalla que augurou ante os seus veciños e veciñas cando  recibiu o pasado maio a Medalla de Ouro do Concello de Noia —"o 2 de agosto será un antes e un despois porque gañarei a miña primeira medalla olímpica"—, pero é un premio en absoluto menor.

Tamén cun diploma regresou de Toquio hai tres anos un novísimo Caetano Horta que acababa de alcanzar a maioría de idade —daquela co tamén catalán Manel Balastegui como compañeiro no bote—. E habendo aínda tanto en xogo, o remeiro evita baixar os brazos e pensa xa en voltar a Noia con ese diploma: "Haberá que recapacitar e ver en que fallamos de cara a mañá. O de Toquio foi algo similar a isto e logo gañamos a final B. Espero repetilo", sentenciou.

Conexión París-Noia: toda a vila apoiou un dos fillos pródigos

Practicamente toda Noia estivo pendente do que acontecía en Vaires-sur-Marne esta cuarta feira cun dos seus fillos pródigos. Unha multitude desprazouse até o Coliseo Noela para seguir a regata en directo e mostrar o seu apoio, desde a distancia, a Caetano Horta, quen a pesar de ficar estes días máis afastado do móbil non é alleo a isto.

Varios veciños e veciñas arrouparon Caetano Horta desde o Coliseo Noela de Noia. (Foto: Nós Diario)

"Intento manterme un pouco á marxe das redes e de todo, porque os días pasan moi rápido e teño que estar concentrado, pero si que noto o apoio. Os meus pais pásanme fotos e sinto o cariño de toda a xente", afirma Horta a este xornal.

En Noia agardan tamén con ilusión a maratón masculina do próximo 10 de agosto, na que participará o seu veciño Tariku Novales, actual plusmarquista estatal nesta disciplina do atletismo.